Enyd López Fernández

Unha experta en economía circular dirixirá a sociedade público-privada creada para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia

Ademais de Enyd López, entran outras dúas persoas no consello de administración: Amparo Alonso, unha especialista en intelixencia artificial, e Rosa María Sánchez-Yebra, vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021

Enyd López Fernández, enxeñeira química e licenciada en Químicas pola Universidade de Santiago, e experta en economía circular, dirixirá a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, creada en abril pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama para modernizar a economía da Comunidade autónoma estendendo o modelo de transición verde, xusta e dixital. De feito, o seu principal obxectivo é contribuír á maduración das iniciativas estratéxicas para Galicia. Ao consello de administración, ademais, incorpóranse dous perfís que atesouran recoñecidos coñecementos en materia de intelixencia artificial e economía e política financeira: Amparo Alonso Betanzos e Rosa María Sánchez-Yebra, respectivamente.

O consello de administración designou directora xeral da sociedade a Enyd López (Santiago, 1980), quen ata o de agora comandaba en Galicia Saica Natur, unha área de negocio pertencente ao Grupo Saica que opera no ámbito da economía circular e a xestión de residuos. Anteriormente, dentro do mesmo grupo, dirixira en varios puntos de España outros equipos, divisións e delegacións.

Tamén se formalizaron a entrada no consello de administración de dúas mulleres. Amparo Alonso (Vigo, 1961) é catedrática da Universidade da Coruña no departamento de Ciencias da Computación, presidenta da Asociación Española de Intelixencia artificial e membro do Consello Asesor de Intelixencia artificial.

Por outra banda, Rosa María Sánchez-Yebra (Ourense, 1962), vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa, tamén entra no consello desta sociedade público-privada. Ao longo da súa traxectoria foi conselleira do Banco de España, da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), así como secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira do Goberno central.