Rueda pon en valor a colaboración entre a Xunta e a Sociedade Impulsa Galicia para encarar os retos das vindeiras xeracións

Destaca a valía das propostas dos expertos galegos para avanzar en proxectos de importancia para o país como o Polo para a Transformación de Galicia

30 de xuño de 2022 

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a colaboración entre a Xunta e a Sociedade Impulsa Galicia para encarar os retos das vindeiras xeracións.

Nun encontro co Consello de Administración da entidade, o presidente da Xunta destacou a valía das propostas dos expertos para avanzar en proxectos de importancia para o país como o Polo para a Transformación de Galicia.

Alfonso Rueda destacou que a Sociedade Impulsa Galicia se puxo en marcha en plena pandemia como un foro de colaboración público-privada. Unha sociedade que naceu da proposta realizada polo Comité de Expertos promovido pola Xunta "para debuxar o camiño a seguir” e á que o presidente galego lle agradeceu “a súa excelente visión” para encarar os retos da Galicia do 2030, “a que queremos deixar ás vindeiras xeracións".

Rueda subliñou tamén a importancia da colaboración público-privada para impulsar o crecemento e consolidación do tecido empresarial galego. “O que necesitamos para Galicia son boas ideas e bos proxectos” e puxo como exemplo as que derivaron na creación do Polo para a Transformación de Galicia, “con empresas nacionais e internacionais de recoñecido prestixio”.

O titular da Xunta de Galicia insistiu na necesidade de que o Goberno central concrete o reparto de axudas para que non queden fóra dos Perte proxectos que son esenciais para o desenvolvemento económico e industrial de Galicia.


Impulsa Galicia presenta ao presidente da Xunta os principais proxectos nos que está traballando

Rueda solicita o compromiso do Goberno central para que estas iniciativas estratéxicas para Galicia poidan materializarse canto antes

7 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá un encontro co comité técnico da Sociedade Impulsa Galicia, no que se avaliaron os principais proxectos nos que Galicia está xa traballando para captar fondos europeos Next Generation.

Así, dentro do Polo para a Transformación de Galicia impulsado pola Xunta coa axuda da Sociedade Impulsa -na que tamén participan Abanca, Sogama e Reganosa-, inclúese o proxecto de fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri, que suporá un importante fito na transformación industrial de Galicia, cun investimento de 800 M€ e 2.500 empregos entre directos e indirectos.

Arredor desta iniciativa, tal e como se subliñou na xuntanza, pivotan outros dous proxectos integrados no Polo, que serven de fonte de enerxía para a fábrica prevista en Palas de Rei (Lugo): o desenvolvemento dunha planta de produción de biometano a partir de xurros e o desenvolvemento dun centro de hidróxeno verde.

Ademais, Rueda puxo de manifesto durante o encontro que os diferentes proxectos incluídos no Polo para a Transformación de Galicia teñen carácter estratéxico e unha gran capacidade de tracción sobre o tecido empresarial galego, o que asegura o crecemento, o emprego e a competitividade, dando resposta aos desafíos que o contexto actual require desde o punto de vista económico, ambiental e social.

Por iso, salientou, espérase que no marco da necesaria colaboración entre administracións, o Goberno central demostre o seu compromiso a través dos Next Generation. Así, a Xunta de Galicia está agardando a que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, atenda a petición de reunión solicitada polo presidente do Executivo galego ante a necesidade de axilizar e descentralizar os fondos europeos, co obxectivo de que estes proxectos estratéxicos se materialicen canto antes, beneficiando sobre todo ás pequenas e medianas empresas.

A Sociedade Impulsa é un mecanismo público-privado participado pola Administración autonómica (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). Esta sociedade encárgase de acelerar a maduración de novos proxectos empresariais tractores, como é o caso desta fábrica de fibras téxtiles, que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor das que poidan saír beneficiadas especialmente as pequenas e medianas empresas galegas.