Impulsa Galicia preséntase ante o tecido investidor e empresarial de Madrid
A Xunta de Galicia, Abanca, Reganosa e os directivos dos promotores dos proxectos tractores en curso, dan as claves de por que a sociedade público-privada é unha ferramenta única en España
7 de marzo de 2023
A sala principal da Casa de Galicia quedouse pequena para os que desexaron asistir á presentación da sociedade Impulsa Galicia na capital de España. Nela, empresarios e investidores tiveron a oportunidade de coñecer de boca de todas as partes implicadas a valía desta ferramenta de desenvolvemento de proxectos tractores. Interviron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente de Impulsa Galicia, Francisco Conde; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; o director xeral de Reganosa e membro do comité técnico de Impulsa Galicia, Emilio Bruquetas; o director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de Institucional de Abanca e membro do Comité técnico de Impulsa Galicia, Juan Luis Vargas-Zúñiga; o CEO de Altri Group, José Pina; a directora de Novos Negocios de Naturgy, Silvia Sanjoaquín; a directora de Combustibles Renovables de Repsol, Berta Cabello; o CEO de Ingenostrum, Santiago Rodriguez e a directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López.
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, destacou na súa intervención que Impulsa Galicia ten unha característica que a fai excepcional: «aspira a proxectarse no tempo. Foi creada para incidir, baixo criterios de sostenibilidade, no desenvolvemento dunha estrutura económica cada vez máis produtiva, máis competitiva e máis inclusiva».
Pola súa banda o vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente de Impulsa, Francisco Conde, asegurou ante os presentes que en Galicia «hai un profundo interese para captar investimentos cara ao obxectivo que temos desde o punto de vista da política económica que é apostar por unha axenda industrial no horizonte do 2030 (...) En ese contexto se sitúa Impulsa. Pretende ser a plataforma das iniciativas empresariais tractoras nesa axenda industrial».
Emilio Bruquetas e Juan Luis Vargas-Zúñiga, como membros do comité técnico, explicaron brevemente as orixes de Impulsa e a natureza dos proxectos en marcha. Ambos fixeron fincapé na circularidade destes, non só por sostibles, senón porque son proxectos que xerarán outros proxectos, expandíndose noutros sectores e que atraerán investimento e talento de fóra.
Investimento como a que está a facer a compañía portuguesa Altri nesta fase inicial da posta en marcha dun complexo industrial pioneiro na produción de fibras textiles a partir de madeira galega certificada. José Pina, CEO de Altri, afirmou que un dos motivos de tomar a decisión de apostar por este proxecto foi o apoio da Administración a través de Impulsa Galicia.
Na mesma liña incidiron, Berta Cabello de Repsol e Silvia Sanjoaquín de Naturgy, empresas promotoras xunto a Reganosa do proxecto de xeración de biogás e fertilizantes a partir de excedentes de dexeccións gandeiras. Nun proxecto «único por dar unha solución para todo o territorio» e no marco da descarbonización, destacaron a grande importancia da colaboración entre a Administración e as empresas.
Taméno confirmou Santiago Rodríguez, CEO de Ingenostrum, a empresa que liderará a construción dun gran centro de datos que facilitará a dixitalización do tecido empresarial e institucional de Galicia e posibilitará que o almacenamento e o procesamento de datos sexa máis barato.
Por último, e para clausurar a xornada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou aos presentes a investir en Galicia e nos seus proxectos tractores, porque os proxectos en curso «chegaron para ser unha realidade e, a pesar de que estamos no principio do camiño, isto vai abrir as portas a moitos outros proxectos que queremos facer en Galicia (...) Emprender en Galicia merece a pena», afirmou.
Impulsa Galicia selecciona a Ingenostrum como socio industrial para a posta en marcha dun gran centro de datos
A infraestrutura ofrece ata 15 MW IT que dotaría á comunidade de soberanía no control dos seus actos
Suporía unha inversión total de 400 millóns de euros e a xeración duns 100 empregos altamente cualificados, entre directos e indirectos
1 de marzo de 2023
A sociedade público–privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo contribuír á transformación da economía galega, seleccionou a Ingenostrum como socio industrial para comezar a análise da viabilidade dun gran centro de datos. Esta infraestrutura suporía un punto de inflexión na dixitalización do tecido empresarial e institucional da comunidade autónoma.
Así o comunicaron os responsables do proxecto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nunha reunión mantida esta tarde na sede do Goberno galego á que asistiron Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e presidente de Impulsa Galicia; Miguel Corgos, conselleiro de Facenda da Xunta e membro do comité técnico de Impulsa Galicia; Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución Institucional de ABANCA e membro do comité técnico de Impulsa Galicia; Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia; Santiago Rodríguez, conselleiro delegado de Ingenostrum e David Gómez, director xeral adxunto de Ingenostrum.
O obxectivo do proxecto de construción e posta en marcha dun gran centro de datos, en liña co Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é a modernización e dixitalización do tecido empresarial galego. Este proxecto busca pór ao servizo da PEME galega, de grandes empresas e institucións públicas, a solución tecnolóxica que lles garanta o almacenamento de datos que precisen, a conectividade de alta velocidade, o ancho de banda suficiente e unha baixa latencia (retardos temporais dentro dunha rede) e así facilitar a dixitalización das PEME ofrecendo servizos que non lograrían obter a día de hoxe no mercado, asegurando economías de escala e eficiencias de custos.
Ademais, permitiría o establecemento de sinerxías con proxectos que xa están en marcha en Galicia. Os 15MW IT de capacidade que se proxectan, posibilitarían aloxar os datos da gran maioría das empresas galegas, o que dotaría a Galicia de soberanía sobre o control dos datos da comunidade.
Ao longo deste último ano, Impulsa Galicia levou a cabo a conceptualización, o deseño do proxecto e a busca dun socio investidor e promotor. A empresa española Ingenostrum é a escollida para liderar o proxecto, quen irá da man da enxeñaría Nexitic especializada no deseño deste tipo de infraestruturas.
Estímase un investimento total de 400 millóns de euros, dos que 130 dedicaríanse á construción en si mesma e os 270 restantes, investiríanse nos servidores de tecnoloxía da información (IT).
Xeraríanse cerca de 200 empregos no período de construción, que neste tipo de infraestruturas se acostuma prolongar durante un ano, e posteriormente, crearíanse uns 100 postos de traballo de alta cualificación para o seu mantemento, entre directos e indirectos.
A directora de Impulsa Galicia, Enyd López destacou que "o centro de datos é un dos proxectos incluídos no Polo para a Transformación de Galicia, co que avanzamos na consecución dun modelo económico dixital e sostible. Desenvolvemos unha idea innovadora, a convertemos nun proxecto tractor e atopamos tecnólogo e investidor para que prospere fóra do noso paraugas". "Estamos moi satisfeitos -engadiu- de atopar un socio sólido e tamén de articular todo o que ven por diante como un proxecto de país, froito da colaboración público-privada e que dará servizo a toda a sociedade galega, converténdonos en punteiros en dixitalización".
Segundo declarou Santiago Rodríguez, conselleiro delegado de Ingenostrum: "Este é un proxecto moi ilusionante para Ingenostrum porque nos afianza como compañía líder na conceptualización de data centers. Confiamos en que esta iniciativa sexa un impulso para o sector dos data center no noso país e nos axude a posicionarnos como o novo hub tecnolóxico de Europa".
SOBRE INGENOSTRUM
Ingenostrum é un grupo de enxeñería internacional líder no sector das enerxías renovables que iniciou a súa actividade en 2009 co propósito de contribuír a debuxar un mapa enerxético renovable no noso país e axudar aos seus clientes e colaboradores na súa ruta progresiva cara á descarbonización. A ampla experiencia internacional no sector, con proxectos desenvolvidos en 14 países en máis de 20 anos, do seu fundador, Santiago Rodríguez Andrés Fernández, e a súa firme convicción da necesidade dun modelo enerxético sostible, guiou á compañía desde as súas orixes. Ingenostrum está formado por un equipo multidisciplinar de profesionais altamente capacitados, e as súas áreas de traballo son asesoría e desenvolvemento de enxeñaría técnica, enerxías verdes, novas tecnoloxías, management de obra, desenvolvemento e promoción de data centers sostibles e neutros en carbono.
Os empresarios galegos en Madrid coñecen o labor de Impulsa Galicia
A directora xeral da sociedade, Enyd López, acompañou ó vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde na súa participación no foro organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama)
3 de outubro de 2022
No marco dun encontro organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), o vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde, destacou a aposta de goberno galego por fomentar a colaboración público-privada con instrumentos como a sociedade Impulsa Galicia para, entre outras cousas, apoiar o desenvolvemento das enerxías renovables como se está a facer en Galicia: vinculadas á industria co hidróxeno verde, o almacenamento ou a eólica mariña. Afirmou que sostenibilidade é clave para transformar o modelo produtivo, ó igual que a innovación e a dixitalización; as tres patas da candidatura galega ós fondos Next Generation e entre outras iniciativas, citou os proxectos de Impulsa Galicia máis avanzados: a fábrica de fibras textiles sostibles de Altri, o de xeración de hidróxeno verde de EDP e Reganosa e o proxecto de xeración de biometano de Repsol, Naturgy e Reganosa, a partir de excedentes dos xurros gandeiros .
A Xunta destaca que o proxecto da planta de hidróxeno das Pontes describe o que para Galicia é unha transición enerxética xusta
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá nas Pontes á presentación do proxecto no que Reganosa e EDP Renovables prevén un investimento de 155M€
12 de xullo de 2022
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe que o proxecto da planta de hidróxeno das Pontes describe o que para Galicia é unha transición enerxética xusta. “Trátase dun proxecto estratéxico para abordar o proceso de reindustrialización da zona”, asegurou e puxo en valor a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello -coa confianza de que o Goberno tamén se sume- xunto coa colaboración co tecido empresarial.
O vicepresidente primeiro asistiu esta mañá á presentación deste proxecto que promoven Reganosa e EDP Renovables, que prevén un investimento inicial de 130M€ que, sumando as diferentes conexións necesarias podería chegar a 155 millóns de euros e contar coas primeiras fases en operación en 2025.
Conde salientou que a planta de hidróxeno permitirá vincular os desenvolvementos tecnolóxicos cos procesos industriais para xerar un impacto positivo na creación de emprego e oportunidades. Así, avanzou que o socio tecnolóxico do proxecto de Reganosa e EDP Renovables, Siemens Energy, realizará a ensamblaxe dos electrolizadores na fábrica de turbinas de Navantia.
Tal e como subliñou, o proxecto incardínase na Axenda Enerxética de Galicia 2030, no que un dos obxectivos é o desenvolvemento de renovables – Galicia é nestes momentos a segunda comunidade xeradora deste tipo de enerxías- tanto das máis tradicionais como de novas tecnoloxías como poden ser a eólica mariña ou o hidróxeno verde.
Conde explicou que as empresas levan máis de dous anos traballando neste proxecto “maduro e innovador” que se presentou ao Perte de enerxías renovables e que solicitou a súa declaración, pola Administración galega, como proxecto industrial estratéxico, o que permitiría unha maior axilidade ao contar cun só expediente para levar a cabo a tramitación administrativa, as análises sectoriais e mesmo a obtención das licenzas necesarias. Conde destacou que a presenza desta planta vense sumar a outros proxectos industriais da comarca que permitirán a súa reindustrialización.
Rueda pon en valor a colaboración entre a Xunta e a Sociedade Impulsa Galicia para encarar os retos das vindeiras xeracións
Destaca a valía das propostas dos expertos galegos para avanzar en proxectos de importancia para o país como o Polo para a Transformación de Galicia
30 de xuño de 2022
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a colaboración entre a Xunta e a Sociedade Impulsa Galicia para encarar os retos das vindeiras xeracións.
Nun encontro co Consello de Administración da entidade, o presidente da Xunta destacou a valía das propostas dos expertos para avanzar en proxectos de importancia para o país como o Polo para a Transformación de Galicia.
Alfonso Rueda destacou que a Sociedade Impulsa Galicia se puxo en marcha en plena pandemia como un foro de colaboración público-privada. Unha sociedade que naceu da proposta realizada polo Comité de Expertos promovido pola Xunta "para debuxar o camiño a seguir” e á que o presidente galego lle agradeceu “a súa excelente visión” para encarar os retos da Galicia do 2030, “a que queremos deixar ás vindeiras xeracións".
Rueda subliñou tamén a importancia da colaboración público-privada para impulsar o crecemento e consolidación do tecido empresarial galego. “O que necesitamos para Galicia son boas ideas e bos proxectos” e puxo como exemplo as que derivaron na creación do Polo para a Transformación de Galicia, “con empresas nacionais e internacionais de recoñecido prestixio”.
O titular da Xunta de Galicia insistiu na necesidade de que o Goberno central concrete o reparto de axudas para que non queden fóra dos Perte proxectos que son esenciais para o desenvolvemento económico e industrial de Galicia.
Impulsa Galicia presenta ao presidente da Xunta os principais proxectos nos que está traballando
Rueda solicita o compromiso do Goberno central para que estas iniciativas estratéxicas para Galicia poidan materializarse canto antes
7 de xuño de 2022
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá un encontro co comité técnico da Sociedade Impulsa Galicia, no que se avaliaron os principais proxectos nos que Galicia está xa traballando para captar fondos europeos Next Generation.
Así, dentro do Polo para a Transformación de Galicia impulsado pola Xunta coa axuda da Sociedade Impulsa -na que tamén participan Abanca, Sogama e Reganosa-, inclúese o proxecto de fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri, que suporá un importante fito na transformación industrial de Galicia, cun investimento de 800 M€ e 2.500 empregos entre directos e indirectos.
Arredor desta iniciativa, tal e como se subliñou na xuntanza, pivotan outros dous proxectos integrados no Polo, que serven de fonte de enerxía para a fábrica prevista en Palas de Rei (Lugo): o desenvolvemento dunha planta de produción de biometano a partir de xurros e o desenvolvemento dun centro de hidróxeno verde.
Ademais, Rueda puxo de manifesto durante o encontro que os diferentes proxectos incluídos no Polo para a Transformación de Galicia teñen carácter estratéxico e unha gran capacidade de tracción sobre o tecido empresarial galego, o que asegura o crecemento, o emprego e a competitividade, dando resposta aos desafíos que o contexto actual require desde o punto de vista económico, ambiental e social.
Por iso, salientou, espérase que no marco da necesaria colaboración entre administracións, o Goberno central demostre o seu compromiso a través dos Next Generation. Así, a Xunta de Galicia está agardando a que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, atenda a petición de reunión solicitada polo presidente do Executivo galego ante a necesidade de axilizar e descentralizar os fondos europeos, co obxectivo de que estes proxectos estratéxicos se materialicen canto antes, beneficiando sobre todo ás pequenas e medianas empresas.
A Sociedade Impulsa é un mecanismo público-privado participado pola Administración autonómica (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). Esta sociedade encárgase de acelerar a maduración de novos proxectos empresariais tractores, como é o caso desta fábrica de fibras téxtiles, que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor das que poidan saír beneficiadas especialmente as pequenas e medianas empresas galegas.
O sector forestal coñece o proxecto da fábrica de fibras téxtiles de Altri nunha xornada organizada por Impulsa Galicia
A Xunta asegura que a fábrica de fibras téxtiles será un revulsivo para favorecer a dixitalización da industria forestal e os novos usos da madeira
O Goberno galego garante a máxima axilidade administrativa ao considerar esta iniciativa un proxecto industrial estratéxico
Avanza que a intención da Xunta é celebrar unha nova reunión co Goberno central para identificar os instrumentos, dentro dos fondos europeos, nos que este proxecto pode encaixar
4 de maio de 2022
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, mantiveron xunto co conselleiro delegado de Altri, Jose Soares, e a directora xeral da Sociedade Impulsa Galicia, Enyd López, esta mañá na Cidade da Cultura, un encontro co sector forestal galego sobre o proxecto da fábrica de fibras téxtiles.
Na súa intervención, Conde asegurou que a fábrica de fibras téxtiles será un revulsivo para a industria forestal, tanto desde o punto de vista dos novos usos da madeira, como da dixitalización do sector e do avance na ecoinnovación e ecodeseño. Destacou, ademais, a capacidade desta iniciativa para xerar emprego de calidade e atraer tanto novas industrias como investimentos nos sectores forestal e téxtil. Neste sentido, Altri prevé a creación de máis de 2500 postos de traballo directos e indirectos e un investimento de 800 millóns de euros.
O vicepresidente económico en funcións sinalou que o importante agora é o desenvolvemento dun traballo conxunto de todas as administracións para que a fábrica xere o impacto desexado. Así, explicou que para a Xunta será un proxecto industrial estratéxico, o que permitirá dotar a súa tramitación dunha maior axilidade, o que contribuirá a poder reducir á metade os prazos de tramitación, mantendo ao mesmo tempo todas as garantías xurídicas, técnicas e medioambientais.
Conde tamén lembrou que o Goberno central coñece este proxecto, xa que é un dos que Galicia seleccionou e presentou como prioritarios, tal e como se lle solicitara desde o Executivo estatal. Avanzou que a intención da Xunta é celebrar un novo encontro co Goberno central para actualizar o estado do proxecto e identificar os instrumentos, dentro dos fondos europeos, que permitirían a súa posta en marcha.
Conde agradeceu a confianza de Altri pola súa aposta de implantarse en Galicia e destacou que se trata dun proxecto que xerará valor en toda a cadea monte-industria. No encontro avaliouse o impacto da fábrica no sector forestal galego, que produce 10 millóns de metros cúbicos de madeira industrial; e explicáronse as ferramentas das que dispón o Goberno galego para garantir a diversidade de recursos forestais como o Plan forestal galego ou a elaboración do inventario forestal permanente.
Este proxecto suporá un importante impulso para o medio rural e para conseguir unha xestión sostible dos bosques e da silvicultura de Galicia.
A Xunta ve na fábrica de fibras téxtiles un proxecto que contribuirá á transformación industrial ao xerar valor en toda a cadea forestal de Lugo e Galicia
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron esta mañá xunto co conselleiro delegado de Altri, Jose Soares, e a directora xeral da Sociedade Impulsa Galicia, Enyd López, nun encontro informativo
O Goberno galego garante a máxima axilidade administrativa ao considerar esta iniciativa un proxecto industrial estratéxico
Conde destaca que esta fábrica encaixa no binomio industria-sustentabilidade e exemplifica a aposta pola colaboración público-privada
3 de maio de 2022
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron xunto co conselleiro delegado de Altri, Jose Soares, e a directora xeral da Sociedade Impulsa Galicia, Enyd López, nun encontro informativo celebrado esta mañá en Lugo sobre o proxecto de fábrica de fibras téxtiles de Palas de Rei.
Desde o Goberno galego, considérase que este proxecto contribuirá á transformación industrial ao xerar valor en toda a cadea forestal galega, a través dun investimento de 800 millóns de euros e a previsión de crear máis de 2500 postos de traballo directos e indirectos.
Conde destacou que esta fábrica encaixa no binomio industria-sustentabilidade porque responde aos criterios que marcou a Comisión Europea para o desenvolvemento dunha economía verde, e exemplifica a aposta pola colaboración público-privada para levar adiante os grandes proxectos cos que Galicia aspira aos fondos europeos. Neste sentido, reiterou a necesidade de que o Goberno central se implique xa que se trata dunha oportunidade na que todas as administracións deben poñer da súa parte.
O vicepresidente económico en funcións explicou que a Xunta trasladou a Altri a máxima confianza para que apostase por implantarse en Galicia, considerando este proxecto industrial estratéxico para garantirlle axilidade administrativa.
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, destacou que esta iniciativa “non ten parangón en ningún outro lugar do mundo” polo feito de pechar o ciclo produtivo e ademais facelo con proximidade ao recurso, é dicir, á madeira.
González definiu o proxecto como un “caso de éxito” da colaboración público-privada e lembrou que se configurou dende o principio como unha iniciativa de xestión forestal sostible, partindo dun recurso propio de Galicia, “moi importante nesta provincia”, como é a madeira. Nesta liña, destacou que a nosa comunidade achega a metade das cortas de madeira de toda España, con 10 millóns de metros cúbicos o ano pasado e que temos “un gran potencial de crecemento”, porque o dato de 2015 era de 7,6 millóns.
Ademais, o titular de Medio Rural cualificou o proxecto como “claramente financiable” no marco dos fondos Next Generation, porque cumpre dous requisitos fundamentais, como son a sustentabilidade e a economía circular. A maiores, o conselleiro vinculou esta iniciativa co desenvolvemento do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, no sentido de que supón unha “clara aposta pola certificación dos nosos bosques”. Unha certificación que, engadiu, no caso galego está liderada por organizacións ecoloxistas “que están acreditando que en Galicia hai un monte multifuncional, con biodiversidade e ordenado”.
No encontro explicouse que a localización da fábrica realizouse a partir dun proceso de avaliación de carácter técnico no que se estudaron 46 posibles emprazamentos tendo en conta diversos criterios como a dispoñibilidade dun recurso hídrico suficiente e constante; a dispoñibilidade de 150 hectáreas de terreo; unha orografía plana con posibilidade de ampliación; a compatibilidade coa normativa urbanística, patrimonial e medioambiental; a proximidade á madeira e a infraestruturas enerxéticas e de transporte, así como a distancia a núcleos de poboación cualificados.
Este proxecto suporá un importante impulso para o medio rural e para conseguir unha xestión sostible dos bosques e da silvicultura de Galicia
Altri comunica ó presidente da Xunta que elixe Palas de Rei como a mellor localización posible para o complexo de fibras téxtiles
Feijóo salienta que con esta decisión, froito da análise técnica exhaustiva por parte da empresa, dáse un paso fundamental para avanzar neste proxecto, cumpríndose así coa solicitude feita de xeito unánime polo Parlamento galego para que a fábrica se asentase na provincia de Lugo
O desenvolvemento desta iniciativa implicaría un investimento de 800 millóns e a creación de 2.500 empregos directos e indirectos
O presidente incide na necesidade de “pechar” este proxecto, sendo non só candidato, senón adxudicatario de fondos europeos: “Necesitamos ao Goberno central para pechar este círculo e apostar pola execución material e eficiente dos fondos, de acordo co regulamento dos mesmos”, recalca
26 de abril de 2022
Tras unha reunión co CEO da empresa, José Soares de Pina, o presidente da Xunta, Alberto Nuñéz Feijóo, afirmou que con esta decisión, froito da análise técnica exhaustiva por parte de Altri, dáse un paso fundamental para avanzar neste proxecto, cumpríndose así, ademais, coa solicitude feita de xeito unánime polo Parlamento galego para que a fábrica se asentase na provincia de Lugo.
“Estamos a falar dun investimento de algo máis de 800 millóns de euros e da creación de 2.500 empregos directos e indirectos”, precisou, incidindo na enorme importancia desta planta para a Comunidade, ao converterse na única fábrica de fibras téxtiles de España.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que se trata dunha nova “desexada e traballada” desde hai moito tempo e fixo fincapé na necesidade de “pechar” este proxecto, sendo non só candidato, senón adxudicatario de fondos europeos. “Necesitamos ao Goberno central para pechar este círculo e apostar pola execución material e eficiente dos fondos, de acordo co regulamento dos mesmos”, abundou.
Nesta liña, aseverou que a Administración autonómica, no seu ámbito de competencias, seguirá comprometida e traballando para avanzar en todas as fases do seu desenvolvemento.
O titular do Goberno galego concluíu agradecendo a Altri a decisión de investir en Galicia, cun proxecto co que a Comunidade aspira a sumar o 3 % da produción mundial de fibra sostible.
Miguel Corgos incorpórase ao consello de administración de Impulsa Galicia
O conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado, incorporouse hoxe ao consello de administración da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia (Impulsa Galicia). En representación da Administración autonómica, Corgos (A Coruña, 1971) substitúe no consello ao seu predecesor en Facenda, Valeriano Martínez García.
O consello de administración de Impulsa presídeo Francisco Conde, vicepresidente económico da Xunta. Ten o seu número dous no conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Tamén forman parte del, amais de Corgos, o conselleiro do Medio Rural, José González; o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o director xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais de Abanca, José Eduardo Álvarez-Naveiro, e o responsable de Asesoría Xurídica da mesma entidade financeira, Eduardo Cortizo. Como independentes, fan o propio Fernando González-Laxe, expresidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña; o tamén catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago Penas; a presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso Betanzos, e Rosa María Sánchez-Yebra, vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa.
Reunido en Santiago, o consello de administración de Impulsa coñeceu este mediodía o grao de desenvolvemento dos proxectos que a sociedade está a madurar e analizou novas liñas de posibles oportunidades.
A sociedade
Cun capital fundacional de cinco millóns de euros, Impulsa foi creada en abril de 2021 pola Xunta de Galicia (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %). A entidade ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital. Naceu co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da comunidade a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.
Impulsa pretende dinamizar e ampliar o Polo para a Transformación de Galicia, unha iniciativa que, promovida pola Xunta de Galicia no marco da candidatura aos fondos Next Generation, pretende ser circular, sostible, verde, dixital, viva, inclusiva, xeradora de riqueza na súa contorna e aglutinadora dos intereses de pequenas e medianas empresas, así como de grandes compañías.