Impulsa asinará con Altri un acordo que persegue a fabricación na comunidade autónoma dunhas 200.000 toneladas anuais de lyocell.

Prevese un desembolso global de 800 millóns no proxecto e a xeración de 1.500 postos de traballo directos e 6.500 indirectos.

Definido baixo os principios de circularidade e sustentabilidade, o plan está aberto á colaboración de todo o sector galego, pon en valor o territorio e pecha o ciclo de produción en Galicia.

Santiago, 1 de outubro de 2021.

A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia (Impulsa Galicia) conseguiu investidor e tecnólogo para unha das iniciativas tractoras en cuxa maduración viñera traballando ao longo dos últimos meses: o proxecto que transformará madeira en fibra téxtil. Así, subscribirá con Altri un acordo que persegue a fabricación na comunidade autónoma dunhas 200.000 toneladas anuais de fibras téxtiles sostibles, utilizando como materia prima principal madeira procedente dos bosques galegos, así como reciclaxe téxtil.

Baseada en criterios técnicos, operativos e estratéxicos, a elección do tecnólogo veu precedida dun proceso selectivo equitativo, homoxéneo e de ámbito nacional e internacional. O líder industrial escollido, que nas seguintes fases explorará alianzas con toda a cadea de valor do sector forestal galego, comprométese a custear o deseño e desenvolvemento da iniciativa ata levala ao momento do investimento. Ata entón, Impulsa cooperará con Altri na procura de emprazamentos para a actividade e na tramitación administrativa.

Prevese un desembolso global estimado de 800 millóns no proxecto. Entre outras medidas, executaríase unha fábrica de lyocell, un tipo de fibra sostible que se comercializaría para fiado, corte e confección. Ese produto obteríase utilizando como materia prima principal madeira procedente dos bosques galegos, así como reciclaxe téxtil. Esta actividade (operación, mantemento e loxística de todo o proxecto) sostería 1.500 postos de traballo directos e 6.500 indirectos, mentres que a construción da factoría empregaría a outros 1.700 profesionais.

O plan foi definido baixo os principios de sustentabilidade, circularidade e innovación. Sen alterar o mercado, a súa aplicación poñerá en valor o territorio, contribuirá á recuperación do rural, promoverá a xestión de madeira certificada, implantará as tecnoloxías máis esixentes desde o punto de vista medioambiental, colmará a vella aspiración de pechar o ciclo produtivo do forestal en Galicia e dará resposta á crecente demanda de fibras téxtiles sostibles, de calidade e fabricadas en proximidade.

“Desenvolvemos unha idea innovadora, convertémola nun proxecto tractor e atopámoslle tecnólogo e investidor para que prospere fóra do noso paraugas. Todo aquilo para o que foi creada esta sociedade mixta dáse neste plan de xestión sostible dos bosques galegos”, explicou a directora xeral de Impulsa, Enyd López. “Estamos moi satisfeitos -engadiu- de atopar un socio sólido e tamén de articular todo o que vén por diante como un proxecto de país, froito da colaboración público-privada e que promove actividades básicas da economía galega. Estamos nos primeiros chanzos dun proxecto inclusivo, aberto no seu desenvolvemento á colaboración de todo o sector forestal galego, pensando especialmente nas pemes e en toda a cadea de valor, que ademais, como o proceso en si mesmo, estará dixitalizada e aplicará os principios da mobilidade sustentable. Agardamos desta iniciativa un gran efecto multiplicador, que se traducirá en emprego sostible a longo prazo”.

A sociedade

Cun capital fundacional de cinco millóns, Impulsa foi creada en abril de 2021 pola Xunta de Galicia (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %). A entidade ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital. Naceu co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da comunidade a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.

Nun primeiro momento, Impulsa pretende dinamizar e ampliar o Polo para a Transformación de Galicia, unha iniciativa que, promovida pola Xunta de Galicia no marco da candidatura aos fondos Next Generation, pretende ser circular, sostible, verde, dixital, viva, inclusiva, xeradora de riqueza na súa contorna e aglutinadora dos intereses dunha trintena de pequenas e medianas empresas, así como de grandes compañías.