O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiveron un encontro con representantes de Reganosa, Repsol e Naturgy, acompañados pola directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López
5 de outubro de 2022
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiveron un encontro con Reganosa, Repsol e Naturgy, que, xunto coa Impulsa Galicia e a Xunta, promoven o futuro centro de economía circular para a produción de biogás e fertilizantes a partir de residuos gandeiros.
Segundo salientou Conde, esta iniciativa incrementará a autonomía enerxética de Galicia e as oportunidades laborais, especialmente nas zonas rurais, e permite demostrar como a colaboración público-privada permite a xeración e o desenvolvemento de propostas que melloran as capacidades industriais de Galicia.
O proxecto, que suporá 146 millóns de euros de investimento na primeira fase, destaca polo seu compoñente innovador, o seu beneficio ambiental, o apoio ao rural, e por estar enmarcado no reto da transición enerxética. A iniciativa cubriría con biometano un 7% da demanda galega de gas natural de importación.
Nese sentido, o vicepresidente económico da Xunta salientou o papel que desempeña a sociedade Impulsa Galicia. Xunto ao de Altri, este é o segundo proxecto madurado e desenvolvido ao amparo desta entidade público-privada creada coa función de identificar propostas e consolidalas como iniciativas viables.
Así, o proxecto de economía circular é froito de moitos meses de traballo previos, e a previsión dos socios promotores é iniciar o vindeiro mes de novembro os labores de enxeñaría básica. Trátase dunha das grandes propostas coas que Galicia opta aos fondos europeos Next Generation, e por iso a Xunta espera que dunha vez por todas o Goberno amose a súa implicación con este proxecto, que é tamén un dos proxectos seleccionados a poder participar nas convocatorias do Fondo de Transición Xusta.
Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou que este proxecto de economía circular que busca transformar excedentes de xurros e outros residuos en biometano e fertilizantes orgánicos garantirá en todo momento a dispoñibilidade para os gandeiros das dexeccións gandeiras necesarias para fertilizar as súas terras de maneira sustentable, así como a viabilidade económica das súas explotacións.
Na súa intervención, José González concretou que se prevé instalar en Meirama a primeira planta de dixestión anaerobia que produza gas renovable a partir de excedentes de dexeccións bovinas, porcinas e avícolas mesturadas con outros residuos do sector agroalimentario. A maiores, implantaranse cinco centros de pretratamento asociados a esta planta que se repartirán nunha primeira fase polas provincias da Coruña e Lugo tendo en conta a distribución das explotacións galegas, coa idea de ampliar o proxecto de economía circular tamén a Ourense e Pontevedra, establecendo así unha rede integral de tratamento dos excedentes de dexeccións gandeiras, achegando a iniciativa aos lugares nos que existe carga gandeira.
O titular de Medio Rural engadiu que a execución desta iniciativa contribuiría -ademais- ao cumprimento da nova lexislación medioambiental europea sobre protección do solo agrícola e control de efluentes, así como de nutrición sostible de solo agrario, e daría solución a cuestións recorrentes na xestión e almacenamento de dexeccións gandeiras.
Así mesmo, o conselleiro puxo en valor a colaboración do sector para levar a cabo esta iniciativa, sinalando que en vindeiras datas comezará unha rolda de reunións con cooperativas, asociacións de gandeiros e organizacións agrarias para explicarlles o proxecto buscando sempre a viabilidade das explotacións galegas.