Un experto en análise financeira e enerxía renovable asume a dirección xeral de Impulsa Galicia

Doutor en Economía e extraballador das tres universidades galegas, Julio Pombo Romero toma as rendas da sociedade mixta creada para modernizar a economía da comunidade autónoma a través de grandes proxectos transformadores

 

Experto en enerxía renovable e en análise económica e financeira, Julio Pombo Romero dirixirá a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, Impulsa Galicia, creada pola Xunta de Galicia, Abanca, Reganosa e Sogama para modernizar a economía da comunidade autónoma a través de grandes proxectos transformadores.

Julio Pombo (Santiago de Compostela, 1978) foi designado director xeral de Impulsa Galicia nun momento crucial para a materialización da carteira de proxectos da compañía. Doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou, ademais de para a Politécnica de Madrid, para as tres universidades galegas: para a de Santiago, de 2009 a 2011; para a da Coruña, de 2015 a 2017; e para a de Vigo, de 2018 a 2023. Tamén atesoura experiencia na esfera privada e desde marzo pasado pertencía, en calidade de asesor económico, ao gabinete técnico do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Ao longo da súa carreira, Pombo especializouse no desenvolvemento de modelos de negocio e instrumentos financeiros para a implementación de proxectos e instalacións de enerxía renovable, así como na análise de políticas enerxéticos e contra o cambio climático. Ademais, é experto en transferencia tecnolóxica, valoración de activos e mercados financeiros.

O novo director xeral de Impulsa Galicia substitúe no cargo a Enyd López, quen emprende novos retos profesionais. A presidenta da sociedade, a tamén conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, agradeceu a López o seu desempeño no posto ao longo dos dous últimos anos.

 

SOBRE IMPULSA GALICIA

Creada en abril de 2021 pola Xunta (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %), Impulsa Galicia ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital. Naceu co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da comunidade autónoma a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.

Trátase dunha ferramenta única en España, ideada baixo as directrices marcadas por Europa para contribuír á maduración das iniciativas da candidatura galega agrupadas en torno ao Polo para a Transformación de Galicia. Enfócase en materializar unha planta pioneira para producir fibras téxtiles sostibles, unha rede de xeración de biometano a partir de xurros e outros residuos, novas fontes e vectores de enerxía renovable, un macrocentro de datos e unha utility que maximice a repercusión no territorio do valor xerado polos recursos naturais de Galicia, entre outras iniciativas.


A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asume a presidencia de Impulsa Galicia

Asistiu por primeira vez ao consello de administración da sociedade público-privada, que se reuniu esta mañá en Santiago de Compostela

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, incorporouse hoxe ao consello de administración da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, Impulsa Galicia, en calidade de presidenta da mesma e en substitución do seu antecesor no cargo, Francisco Conde.

O consello de administración de Impulsa Galicia ten o seu número dous no conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Tamén forman parte del os conselleiros Miguel Corgos e José González, o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o director xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais de Abanca, José Eduardo Álvarez – Naveiro, e o responsable da Asesoría Xurídica da dita entidade financeira, Eduardo Cortizo. Como independentes, fan o propio o ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe; o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago; a presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso, e a vicegobernadora do Banco de Desarrollo do Consello de Europa, Rosa María Sánchez-Yebra.

Na reunión de hoxe, celebrada en Santiago, o consello de administración tratou o grao de desenvolvemento de proxectos xa coñecidos como a fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei; o aproveitamento do xurro para xeración de biogás e fertilizantes liderado por Naturgy, Reganosa e Repsol; a construción da central de hidróxeno en As Pontes por parte de Reganosa e EDP; e a posta en marcha dun gran centro de datos liderado por Ingenostrum con capacidade para almacenar todas as referencias das empresas e administracións galegas. Tamén se analizaron os avances noutros proxectos.


Impulsa Galicia reúnese co sector TIC para presentar o centro de datos que contribuirá á dixitalización de Galicia

As entidades felicitaron a posta en marcha desta nova infraestrutura aberta a todo o tecido económico galego.

A asociación público-privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo a axilización de proxectos estratéxicos que contribúan á transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital, reuniuse coas principais entidades do sector TIC que operan na comunidade. O motivo da reunión foi presentar polo miúdo o proxecto de construción dun gran centro de datos e dar a coñecer o funcionamento da empresa. No encontro participaron Miguel Corgos , conselleiro de Facenda e Administracións Públicas e director de Impulsa Galicia; Enyd López, directora xeral da empresa; Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución Institucional de Abanca e membro do comité técnico de Impulsa Galicia e David Gómez, director xeral da división Data Center de Ingenostrum, a empresa promotora do centro de datos. Este encontro forma parte dunha serie de reunións sectoriais de Impulsa Galicia co tecido empresarial galego.

No reunión celebrado na Coruña, Miguel Corgos lembrou que Impulsa Galicia é unha ferramenta creada a instancias da Xunta para desenvolver aqueles proxectos enmarcados no Polo para a Transformación de Galicia e que se caracterizan por cumprir dous requisitos básicos: “contribuir á transición enerxética e á dixitalización de Galicia”. Neste contexto, xurdiu a necesidade da construción dun gran centro de datos cunha oferta diferencial á que existe na actualidade en Galicia: “pola capacidade de almacenamento de datos, por iso está concibido para albergar 15 MW IT e pola sustentabilidade, por iso esiximos que sexa positivo en carbono, é dicir, que non só sexa ambientalmente neutro, senón que a calor xerada pola súa actividade poida ser aproveitada por outra industria”, afirmou o Conselleiro.

Pola súa banda, a directora xeral da sociedade, Enyd López, explicou “que en cada proxecto de Impulsa Galicia buscamos crear sinerxías co tecido empresarial local” e insistiu en que o data center é un proxecto aberto a “todas as empresas, entidades e administracións radicadas en Galicia, independentemente do seu tamaño. Traballamos para aumentar a competitividade de todos eles”.

Juan Luis Vargas-Zúñiga, membro do comité técnico da empresa, declarou que Impulsa Galicia deu un primeiro paso coa posta en marcha do proxecto, "agora hai que, entre todos, poder consolidalo" e por iso desafiou aos presentes a explicar o que buscan nunha infraestrutura sen parangón no mercado galego, que lles permitirá deixar de ter que contratar fora servizos de almacenamento de datos.

Deste xeito, unha a unha, tomaron a palabra as entidades TIC presentes. Todos agradeceron a convocatoria e o diálogo aberto e felicitaron a iniciativa de poder contar cun data center ao servizo de todo o tecido empresarial galego e que estea en consonancia coa sustentabilidade cada vez máis demanda polo mercado.

Pola súa banda, David Gómez, de Ingenostrum, aclarou que o proxecto está nunha fase inicial. "Neste momento, estamos a buscar unha localización e estamos considerando chegar a acordos con varios tipos de socios, tanto clientes finais como empresas provedoras de servizos na nube" , dixo.

No encontro participaron representantes do Clúster TIC, Altia, R, Plexus, Dinahosting, ITG, NTTDATA España, Gradiant, Feuga, Cidade das TIC, CiQUS, CITIC, CETIM, Galvintec e ITG.

SOBRE O PROXECTO DO CENTRO DE DATOS

O obxectivo do proxecto de construción e posta en marcha dun gran centro de datos, en consonancia co Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é a modernización e dixitalización do tecido empresarial galego. Este proxecto busca poñer ao servizo das pemes, grandes empresas e institucións públicas galegas, a capacidade que lles garanta o almacenamento de datos que precisan, a conectividade de alta velocidade, o ancho de banda suficiente e a baixa latencia (atrasos temporais dentro dunha rede) e facilitar así o dixitalización das pemes ofrecendo servizos que hoxe non poderían obter no mercado, garantindo economías de escala e eficiencia de custos.

A capacidade informática proxectada de 15 MW IT permitiría aloxar os datos das empresas galegas, o que daría a Galicia a soberanía sobre o control dos datos comunitarios.

Ao longo deste último ano, Impulsa Galicia levou a cabo a conceptualización, deseño do proxecto e a busca dun socio investidor e promotor. Para liderar o proxecto doi elixida a empresa española Ingenostrum, quen irá da man da enxeñería Nexitic especializada no deseño deste tipo de infraestruturas.

Estímase un investimento total de 400 millóns de euros, dos cales 130 dedicaríanse á propia construción e os 270 restantes investiríanse en servidores de tecnoloxía da información (IT).

Durante o período de construción xeraríanse preto de 200 postos de traballo, que neste tipo de infraestruturas adoitan durar un ano e posteriormente crearíanse uns 100 postos de traballo altamente cualificados para o seu mantemento, tanto directos como indirectos.


Impulsa Galicia e Xunta manteñen unha reunión de traballo sobre a futura Lei de Recursos Naturais

Dentro da rolda de consultas iniciada a finais de marzo pola Xunta de Galicia para coñecer a opinión dos distintos sectores profesionais e axentes sobre a futura Lei de Recursos Naturais, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado dos conselleiros de Facenda e Administracións Públicas, Miguel Corgos, e de Medio Rural, José González, reuniuse co comité técnico e a dirección xeral de Impulsa Galicia.

Na devandita reunión de traballo, trataron como a futura normativa establecerá que as declaracións de impacto ambiental avalían os efectos sociais e económicos dos proxectos, entre eles aspectos como a participación de investidores locais, a creación de emprego na zona, a redución de custos enerxéticos e a preservación dos bens culturais e naturais. Tamén se falou en que proxectos poderá participar a futura utility, unha empresa público-privada que se creará para que parte dos beneficios que aproveitan os recursos naturais repercutan de xeito directo positivo en toda Galicia.


Impulsa Galicia e Altri presentan en Bruselas o proxecto de fábrica de fibras téxtiles sostibles de Palas de Rei

A empresa público-privada Impulsa Galicia e Altri, socio industrial dun dos seus proxectos en carteira, presentaron á Comisión Europea os detalles do proxecto da fábrica de fibras téxtiles sostibles de Palas de Rei.

No encontro participaron Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia; por parte de Altri, José Pina, conselleiro delegado, e Carlos Van Zeller, vicepresidente do Comité Executivo; e en representación da Comisión Europea, Emmanuelle Maire, xefa da unidade de Economía Circular, Produción e Consumo Sostible da Consellería de Medio Ambiente, e José María Ramos Florido, da Dirección Xeral de Medio Ambiente.

Os responsables do proxecto que permitirá a produción de fibras téxtiles sostibles a partir de madeira certificada e residuos téxtiles galegos explicaron as dimensións e o carácter pioneiro dunha iniciativa que converterá a Europa nun referente da economía circular no sector téxtil.

Sobre o proxecto de xestión sostible dos bosques

Proxecto tractor baseado na transformación da madeira en fibra téxtil baixo os principios de sustentabilidade e circularidade. Pecharase o círculo vital da madeira en Galicia e fabricaranse na comunidade autónoma unhas 200.000 toneladas anuais de fibra téxtil sostible, utilizando como materia prima madeira certificada dos nosos montes, así como residuos téxtiles. Trátase dunha iniciativa pioneira a nivel europeo xa que integrará a produción de pasta e fibra nun único proceso, así como o aproveitamento de residuos téxtiles.

Cun investimento de máis de 800 millóns de euros, estímase que o centro xerará 2.500 postos de traballo directos e indirectos e impulsará sinerxias con outros sectores fundamentais da economía galega, coma o forestal e o téxtil. É a única destas características que se proxecta actualmente en Europa.

A papeleira portuguesa Altri é a líder do sector elixida que sufragará o deseño e desenvolvemento da iniciativa ata levala ao momento do investimento. A medida que o proxecto avance, explorará alianzas con toda a cadea de valor do sector forestal galego.

Tras anunciar Palas de Rei como lugar escollido para implantar o complexo fabril, Altri avanza no estudo de impacto ambiental, no proxecto de enxeñería, na viabilidade económica, no financiamento e acceso a fondos comunitarios. Actualmente traballan no proxecto máis dun centenar de enxeñeiros de diversas partes do mundo e a empresa ten unha sede permanente na cidade da Coruña, onde hai unha ducia de empregados.

O 29 de decembro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a declaración do proxecto como proxecto industrial estratéxico para Galicia, unha consideración destinada a facilitar a súa tramitación administriva.


Impulsa Galicia preséntase ante o tecido investidor e empresarial de Madrid

A Xunta de Galicia, Abanca, Reganosa e os directivos dos promotores dos proxectos tractores en curso, dan as claves de por que a sociedade público-privada é unha ferramenta única en España

7 de marzo de 2023

 

A sala principal da Casa de Galicia quedouse pequena para os que desexaron asistir á presentación da sociedade Impulsa Galicia na capital de España. Nela, empresarios e investidores tiveron a oportunidade de coñecer de boca de todas as partes implicadas a valía desta ferramenta de desenvolvemento de proxectos tractores. Interviron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente de Impulsa Galicia, Francisco Conde; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; o director xeral de Reganosa e membro do comité técnico de Impulsa Galicia, Emilio Bruquetas; o director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de Institucional de Abanca e membro do Comité técnico de Impulsa Galicia, Juan Luis Vargas-Zúñiga; o CEO de Altri Group, José Pina; a directora de Novos Negocios de Naturgy, Silvia Sanjoaquín; a directora de Combustibles Renovables de Repsol, Berta Cabello; o CEO de Ingenostrum, Santiago Rodriguez e a directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López.

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, destacou na súa intervención que Impulsa Galicia ten unha característica que a fai excepcional: «aspira a proxectarse no tempo. Foi creada para incidir, baixo criterios de sostenibilidade, no desenvolvemento dunha estrutura económica cada vez máis produtiva, máis competitiva e máis inclusiva».

Pola súa banda o vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente de Impulsa, Francisco Conde, asegurou ante os presentes que en Galicia «hai un profundo interese para captar investimentos cara ao obxectivo que temos desde o punto de vista da política económica que é apostar por unha axenda industrial no horizonte do 2030 (...) En ese contexto se sitúa Impulsa. Pretende ser a plataforma das iniciativas empresariais tractoras nesa axenda industrial».

Emilio Bruquetas e Juan Luis Vargas-Zúñiga, como membros do comité técnico, explicaron brevemente as orixes de Impulsa e a natureza dos proxectos en marcha. Ambos fixeron fincapé na circularidade destes, non por sostibles, senón porque son proxectos que xerarán outros proxectos, expandíndose noutros sectores e que atraerán investimento e talento de fóra.

Investimento como a que está a facer a compañía portuguesa Altri nesta fase inicial da posta en marcha dun complexo industrial pioneiro na produción de fibras textiles a partir de madeira galega certificada. José Pina, CEO de Altri, afirmou que un dos motivos de tomar a decisión de apostar por este proxecto foi o apoio da Administración a través de Impulsa Galicia.

Na mesma liña incidiron, Berta Cabello de Repsol e Silvia Sanjoaquín de Naturgy, empresas promotoras xunto a Reganosa do proxecto de xeración de biogás e fertilizantes a partir de excedentes de dexeccións gandeiras. Nun proxecto «único por dar unha solución para todo o territorio» e no marco da descarbonización, destacaron a grande importancia da colaboración entre a Administración e as empresas.

Taméno confirmou Santiago Rodríguez, CEO de Ingenostrum, a empresa que liderará a construción dun gran centro de datos que facilitará a dixitalización do tecido empresarial e institucional de Galicia e posibilitará que o almacenamento e o procesamento de datos sexa máis barato.

Por último, e para clausurar a xornada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou aos presentes a investir en Galicia e nos seus proxectos tractores, porque os proxectos en curso «chegaron para ser unha realidade e, a pesar de que estamos no principio do camiño, isto vai abrir as portas a moitos outros proxectos que queremos facer en Galicia (...) Emprender en Galicia merece a pena», afirmou.


Impulsa Galicia selecciona a Ingenostrum como socio industrial para a posta en marcha dun gran centro de datos

A infraestrutura ofrece ata 15 MW IT que dotaría á comunidade de soberanía no control dos seus actos

Suporía unha inversión total de 400 millóns de euros e a xeración duns 100 empregos altamente cualificados, entre directos e indirectos

 

1 de marzo de 2023

 

A sociedade público–privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo contribuír á transformación da economía galega, seleccionou a Ingenostrum como socio industrial para comezar a análise da viabilidade dun gran centro de datos. Esta infraestrutura suporía un punto de inflexión na dixitalización do tecido empresarial e institucional da comunidade autónoma.

Así o comunicaron os responsables do proxecto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nunha reunión mantida esta tarde na sede do Goberno galego á que asistiron Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e presidente de Impulsa Galicia; Miguel Corgos, conselleiro de Facenda da Xunta e membro do comité técnico de Impulsa Galicia; Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución Institucional de ABANCA e membro do comité técnico de Impulsa Galicia; Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia; Santiago Rodríguez, conselleiro delegado de Ingenostrum e David Gómez, director xeral adxunto de Ingenostrum.

O obxectivo do proxecto de construción e posta en marcha dun gran centro de datos, en liña co Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é a modernización e dixitalización do tecido empresarial galego. Este proxecto busca pór ao servizo da PEME galega, de grandes empresas e institucións públicas, a capacidade que lles garanta o almacenamento de datos que precisen, a conectividade de alta velocidade, o ancho de banda suficiente e unha baixa latencia (retardos temporais dentro dunha rede) e así facilitar a dixitalización das PEME ofrecendo servizos que non lograrían obter a día de hoxe no mercado, asegurando economías de escala e eficiencias de custos.

Ademais, permitiría o establecemento de sinerxías con proxectos que xa están en marcha en Galicia. Os 15MW IT de capacidade que se proxectan, posibilitarían aloxar os datos das empresas galegas, o que dotaría a Galicia de soberanía sobre o control dos datos da comunidade.

Ao longo deste último ano, Impulsa Galicia levou a cabo a conceptualización, o deseño do proxecto e a busca dun socio investidor e promotor. A empresa española Ingenostrum é a escollida para liderar o proxecto, quen irá da man da enxeñaría Nexitic especializada no deseño deste tipo de infraestruturas.

Estímase un investimento total de 400 millóns de euros, dos que 130 dedicaríanse á construción en si mesma e os 270 restantes, investiríanse nos servidores de tecnoloxía da información (IT).

Xeraríanse cerca de 200 empregos no período de construción, que neste tipo de infraestruturas se acostuma prolongar durante un ano, e posteriormente, crearíanse uns 100 postos de traballo de alta cualificación para o seu mantemento, entre directos e indirectos.

A directora de Impulsa Galicia, Enyd López destacou que "o centro de datos é un dos proxectos incluídos no Polo para a Transformación de Galicia, co que avanzamos na consecución dun modelo económico dixital e sostible. Desenvolvemos unha idea innovadora, a convertemos nun proxecto tractor e atopamos tecnólogo e investidor para que prospere fóra do noso paraugas". "Estamos moi satisfeitos -engadiu- de atopar un socio sólido e tamén de articular todo o que ven por diante como un proxecto de país, froito da colaboración público-privada e que dará servizo a toda a sociedade galega, converténdonos en punteiros en dixitalización".

Segundo declarou Santiago Rodríguez, conselleiro delegado de Ingenostrum: "Este é un proxecto moi ilusionante para Ingenostrum porque nos afianza como compañía líder na conceptualización de data centers. Confiamos en que esta iniciativa sexa un impulso para o sector dos data center no noso país e nos axude a posicionarnos como o novo hub tecnolóxico de Europa".

SOBRE INGENOSTRUM

Ingenostrum é un grupo de enxeñería internacional líder no sector das enerxías renovables que iniciou a súa actividade en 2009 co propósito de contribuír a debuxar un mapa enerxético renovable no noso país e axudar aos seus clientes e colaboradores na súa ruta progresiva cara á descarbonización. A ampla experiencia internacional no sector, con proxectos desenvolvidos en 14 países en máis de 20 anos, do seu fundador, Santiago Rodríguez Andrés Fernández, e a súa firme convicción da necesidade dun modelo enerxético sostible, guiou á compañía desde as súas orixes. Ingenostrum está formado por un equipo multidisciplinar de profesionais altamente capacitados, e as súas áreas de traballo son asesoría e desenvolvemento de enxeñaría técnica, enerxías verdes, novas tecnoloxías, management de obra, desenvolvemento e promoción de data centers sostibles e neutros en carbono.

 


Impulsa Galicia inicia unha serie de encontros sectoriais co tecido empresarial galego para avanzar no desenvolvemento de novos proxectos tractores

Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente da sociedade, participou na primeira das xornadas, centrada no ámbito enerxético

 

8 de febreiro de 2023

 

A sociedade público–privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo a axilización de proxectos estratéxicos que contribúan á transformación da economía galega mediante un modelo verde e dixital, reuniuse coas principais empresas enerxéticas que operan en Galicia. O motivo do encontro foi dar a coñecer o funcionamento da sociedade, así como poñerse á súa disposición para o desenvolvemento de novos proxectos tractores. Na reunión participaron Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e presidente de Impulsa Galicia, Enyd López, directora xeral da sociedade, e Paula Uría, secretaria xeral de Industria do Goberno galego.

Con esta xornada, Impulsa Galicia arrinca así unha ronda de encontros sectoriais co tecido empresarial galego. Neste primeiro, centrado no ámbito enerxético, Francisco Conde resaltou que Impulsa Galicia é unha ferramenta creada por instancias da Xunta para desenvolver aqueles proxectos enmarcados no Polo para a Transformación de Galicia, pero que ten vocación de futuro e que está ao servizo de todasas empresas galegas:  "Máis alá dos proxectos que estades levando a cabo en Galicia como promotores, contade con Impulsa Galicia para aqueles proxectos que non poderíades abordar en solitario; proxectos transformadores desde o punto de vista enerxético e que xeren grande impacto".

Na súa intervención, a directora da sociedade, Enyd López, explicou como tras encargarse da fase de conceptualización dunha idea e de desenvolver o proxecto de negocio, buscan o socio industrial ou investidor para que estude a súa viabilidade. "Asinamos un memorando de entendemento co socio promotor seleccionado para garantir que o proxecto sexa inclusivo e que o valor se quede en Galicia, ao tempo que xeramos pegada industrial e un efecto tractor sobre toda a cadea de valor, colocando á peme como centro da estratexia. Posteriormente, acompañámolo en todo o proceso de análise de viabilidade económica, técnica e financeira para levar o proxecto ata a decisión final de investimento", detallou López.

A modo ilustrativo, tanto Francisco Conde como Enyd López, aludiron ao proxecto de xeración de fibras téxtiles sustentables cuxo socio industrial é Alcoa e ao proxecto de xeración de biogás e fertilizantes orgánicos a partir de excedentes de dexeccións gandeiras, no que Impulsa Galicia colabora con Repsol, Reganosa e Naturgy.

Pola súa parte, os representantes das empresas e asociacións asistentes do sector enerxético, agradeceron a convocatoria e o diálogo aberto. Ven útil e necesaria unha ferramenta singular como Impulsa Galicia, onde administración e empresa traballan xuntas e agradeceron o esforzo da Xunta por axilizar a tramitación dos proxectos que industrialicen e dixitalicen Galicia.

Asistiron ao encontro representantes de Endesa, Iberdrola, Windar, EDPR, Repsol, ASIME, Asociación Galega de Hidrógeno, CLUERGAL, Clúster de Biomasa, AGAEN, Adianta e Galenergy.


O proxecto de xestión sostible dos bosques galegos, cuxo promotor industrial é Altri, declarado pola Xunta de Galicia coma estratéxico

Rueda sinala que se trata dunha iniciativa “única en toda Europa” que integra as plantas e polpa e lyocell e insta ao Goberno a aclarar se vai acceder a fondos europeos

Resalta que o mercado das fibras celulósicas sustentable ten un alto potencial de crecemento porque “son máis ecolóxicas que as fibras artificiais” e teñen cada vez máis demanda no sector

Cun investimento superior aos 800 millóns de euros, a iniciativa prevé producir ata 200.000 toneladas anuais de lyocell

 

29 de decembro de 2022

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a declaración do proxecto de xestión sostible dos bosques galegos, que contempla a posta a marcha da fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei (Lugo), coma proxecto industrial estratéxico para Galicia. A iniciativa, única en Europa e enmarcada dentro do Polo para a transformación de Galicia, alcanza esta consideración orientada a facilitar a súa tramitación administrativa. “Trátase dun proxecto innovador e ambicioso para producir lyocell, un tecido de alta calidade, máis ecolóxico cas fibras artificiais e cada vez máis demandado pola industria téxtil de todo o mundo”, subliñou Rueda, quen resaltou que “non hai ningún proxecto similar previsto en toda Europa”.

 

“Cun investimento superior aos 800 millóns de euros, estímase que o centro xere 2.500 postos de traballo directos e que xere sinerxías con outros sectores clave da economía galega, como o forestal e o téxtil”, resaltou o presidente. Está orientado á produción de fibras téxtiles coa previsión de acadar as 200.000 toneladas anuais de lyocell, un tecido de alta calidade que goza dunha implantación crecente na industria téxtil por representar unha alternativa ecolóxica ás fibras artificiais de orixe fósil.

 

O proxecto da fábrica que se vai instalar en Palas de Rei é o único destas características previsto actualmente en Europa e integra as plantas de polpa e lyocell, ademais de favorecer sinerxías con outras iniciativas en desenvolvemento no ecosistema galego. Agárdase un impacto dinamizador da zona ao priorizar a contratación de traballadores locais, contribuíndo ao obxectivo de fixar poboación no rural.

 

A declaración como proxecto industrial estratéxico enmárcase na filosofía da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia que busca a captación de investimentos. Permitirá a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos- mantendo as garantías técnicas, xurídicas e ambientais.

 

A planta conta con todos os requisitos para ser proxecto industrial estratéxico, xa que supera o investimento mínimo de 20M€ e a creación mínima de 100 postos de traballo
-Altri prevé xerar 2500 postos de emprego directo-. Ademais cumpre co requisito de que as iniciativas deben complementar cadeas de valor, pertencer a sectores estratéxicos ou que estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou integrarse no financiamento dos NextGeneration.


Impulsa Galicia analiza co presidente da Xunta o avance dos principais proxectos transformadores en marcha

Alfonso Rueda destaca a aposta da Comunidade polas enerxías alternativas e por iniciativas para promover a economía circular que situarían a Galicia na vangarda das renovables e da economía sustentable

 

21 de novembro de 2022

 

O comité técnico de Impulsa Galicia reuniuse co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para analizar os principais proxectos estratéxicos postos en marcha para o avance da Comunidade e as oportunidades para o seu desenvolvemento.

En concreto, o comité informou do estado da situación de iniciativas punteiras como os proxectos que xiran en torno á recuperación de fibras téxtiles, os avances tecnolóxicos ao servizo da Comunidade ou a posta en marcha de alternativas que permitan á sociedade galega e ao seu tecido empresarial competir no eido da enerxías.

O comité técnico de Impulsa coincidiu en que os proxectos nos que traballa a sociedade dentro do Polo para a Transformación de Galicia amosan a aposta polas enerxías alternativas e por iniciativas para promover a economía circular que situarían á Comunidade na vangarda das renovables e da economía sustentable.