Estímase que a infraestrutura, que se construirá por fases, estará operativa en 2026 e albergará ata 30.000 servidores

Será un dos poucos centros de datos no mundo que reduce as emisións globais de CO 2

O Consello da Xunta declarouno proxecto industrial estratéxico (PIE)

 

11 de outubro de 2024

O polígono de Curtis-Teixeiro é o lugar elixido para construír a infraestrutura que suporá un punto de inflexión na dixitalización do tecido empresarial e institucional da comunidade autónoma. Ideado pola sociedade público-privada Impulsa Galicia e desenvolvido por Ingenostrum a través do Galicia Green Data Center, está previsto que entre en servizo en 2026.

O Consello da Xunta aprobou o pasado 29 de setembro a súa declaración como proxecto industrial estratéxico para que se axilicen os trámites para a súa execución.

Os 15 MW IT de capacidade que se prevén, e que o converterá nun dos maiores proxectos de centros de datos de España, permitirán ás empresas e institucións galegas almacenar os seus datos, unha conectividade de alta velocidade, ancho de banda suficiente, baixa latencia (retardos temporais dentro dunha rede) e, polo tanto, executar aplicacións de nova xeración en tempo real, incluídas as baseadas en intelixencia artificial. Por todo iso, dotará a Galicia de soberanía no control e utilización dos datos da Comunidade.

Así, esta infraestrutura facilitará a dixitalización das pemes galegas, garantindo economías de escala e eficiencia de custos. Ademais, permitirá establecer sinerxias con proxectos que xa están en marcha en Galicia. Trátase dunha infraestrutura aberta tanto para operadores que ofrecen servizos na nube como para empresas que queiran aloxar alí os seus servidores. Está prevista a instalación de 30.000 servidores.

Segundo apuntou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no acto de presentación celebrado nos terreos nos que se ubicará a infraestrutura, o centro de datos demostra a capacidade de Galicia para ser líder no sector TIC. Destacou que se trata dun proxecto importante para a Comunidade, destacando que este tipo de centros “son a industria do futuro” e o que “cada vez máis van demandar as empresas”.

Referencia en sustentabilidade ambiental

Ademais, será un centro de datos modelo a nivel internacional pola súa sustentabilidade ambiental. Grazas ao seu deseño, a calor residual xerada polo proceso masivo de datos será utilizada como fonte de enerxía para as industrias situadas no polígono de Curtis-Teixeiro. É dicir, o seu funcionamento contribuirá a reducir as emisións globais de CO 2 .

Ingenostrum elixiu esta localización tras avaliar 60 emprezamentos en solo industrial. O conselleiro delegado de Ingenostrum , Gabriel Nebreda, expuxo os motivos que motivaron a elección de Curtis para a localización: acceso á rede eléctrica e fibras de telecomunicacións, dispoñibilidade do terreo; unha temperatura estable que reducirá o consumo eléctrico na refrixeración e a presenza de máis industrias que poidan aproveitar o excedente de calor.

Operativo no segundo semestre de 2026

Unha vez rematados os trámites necesarios para contar coa enerxía e os terreos necesarios, Ingenostrum ten previsto iniciar os traballos a partir do primeiro trimestre de 2025, rematando no segundo semestre de 2026. Ao tratarse dun sistema modular, nunha primeira fase, o centro ofrecerá 5 MW IT, nun segundo, outros cinco e nun terceiro, os cinco restantes.

A parcela onde se construirá ten unha superficie de 40.154 m 2 dos cales 25.141 son edificables.

Estímase un investimento total de 400 millóns de euros (51 na primeira fase), dos cales 130 dedicaríanse á propia construción e os 270 restantes investiríanse en servidores de tecnoloxía da información (IT).

Durante o período de construción xeraranse máis dun cento de postos de traballo directos, que neste tipo de infraestruturas adoitan durar un ano, e posteriormente crearanse uns 100 postos de traballo altamente cualificados para a súa operación (45 na primeira fase).

Fito da colaboración público-privada

O director de Impulsa Galicia, Julio Pombo, destacou que “o centro de datos é un fito na nosa misión: contribuír a transformar a economía galega a través dun modelo verde e dixital. Froito da colaboración público-privada, servirá a toda a sociedade galega, converténdonos en líderes en dixitalización e sustentabilidade”.

Para o conselleiro delegado de Ingenostrum , Gabriel Nebreda, “este centro de datos é un excelente exemplo de colaboración entre o sector público e o privado para acadar un obxectivo común: a dixitalización. Ingenostrum leva máis dun ano centrada no éxito deste proxecto e durante todo o proceso contamos co apoio constante de Impulsa Galicia, sen dúbida o esforzo mereceu a pena. Este modelo de colaboración podería replicarse noutras rexións que tamén apostan pola chegada da nova economía dixital”.