A Xunta de Galicia, Abanca, Reganosa e os directivos dos promotores dos proxectos tractores en curso, dan as claves de por que a sociedade público-privada é unha ferramenta única en España

A sala principal da Casa de Galicia quedouse pequena para os que desexaron asistir á presentación da sociedade Impulsa Galicia na capital de España. Nela, empresarios e investidores tiveron a oportunidade de coñecer de boca de todas as partes implicadas a valía desta ferramenta de desenvolvemento de proxectos tractores. Interviron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente de Impulsa Galicia, Francisco Conde; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; o director xeral de Reganosa e membro do comité técnico de Impulsa Galicia, Emilio Bruquetas; o director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de Institucional de Abanca e membro do Comité técnico de Impulsa Galicia, Juan Luis Vargas-Zúñiga; o CEO de Altri Group, José Pina; a directora de Novos Negocios de Naturgy, Silvia Sanjoaquín; a directora de Combustibles Renovables de Repsol, Berta Cabello; o CEO de Ingenostrum, Santiago Rodriguez e a directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López.

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, destacou na súa intervención que Impulsa Galicia ten unha característica que a fai excepcional: «aspira a proxectarse no tempo. Foi creada para incidir, baixo criterios de sostenibilidade, no desenvolvemento dunha estrutura económica cada vez máis produtiva, máis competitiva e máis inclusiva».

Pola súa banda o vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente de Impulsa, Francisco Conde, asegurou ante os presentes que en Galicia «hai un profundo interese para captar investimentos cara ao obxectivo que temos desde o punto de vista da política económica que é apostar por unha axenda industrial no horizonte do 2030 (…) En ese contexto se sitúa Impulsa. Pretende ser a plataforma das iniciativas empresariais tractoras nesa axenda industrial».

Emilio Bruquetas e Juan Luis Vargas-Zúñiga, como membros do comité técnico, explicaron brevemente as orixes de Impulsa e a natureza dos proxectos en marcha. Ambos fixeron fincapé na circularidade destes, non por sostibles, senón porque son proxectos que xerarán outros proxectos, expandíndose noutros sectores e que atraerán investimento e talento de fóra.

Investimento como a que está a facer a compañía portuguesa Altri nesta fase inicial da posta en marcha dun complexo industrial pioneiro na produción de fibras textiles a partir de madeira galega certificada. José Pina, CEO de Altri, afirmou que un dos motivos de tomar a decisión de apostar por este proxecto foi o apoio da Administración a través de Impulsa Galicia.

Na mesma liña incidiron, Berta Cabello de Repsol e Silvia Sanjoaquín de Naturgy, empresas promotoras xunto a Reganosa do proxecto de xeración de biogás e fertilizantes a partir de excedentes de dexeccións gandeiras. Nun proxecto «único por dar unha solución para todo o territorio» e no marco da descarbonización, destacaron a grande importancia da colaboración entre a Administración e as empresas.

Taméno confirmou Santiago Rodríguez, CEO de Ingenostrum, a empresa que liderará a construción dun gran centro de datos que facilitará a dixitalización do tecido empresarial e institucional de Galicia e posibilitará que o almacenamento e o procesamento de datos sexa máis barato.

Por último, e para clausurar a xornada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou aos presentes a investir en Galicia e nos seus proxectos tractores, porque os proxectos en curso «chegaron para ser unha realidade e, a pesar de que estamos no principio do camiño, isto vai abrir as portas a moitos outros proxectos que queremos facer en Galicia (…) Emprender en Galicia merece a pena», afirmou.