A xornada divulgativa contou coa participación de Alfonso Rueda, Francisco Conde, Juan Carlos Escotet e de representantes do comité executivo da sociedade, así como de representantes de dous dos proxectos máis avanzados: o de xestión sostible dos bosques galegos e o de economía circular

8 de novembro de 2022

Impulsa Galicia, a sociedade público-privada creada para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos, presentouse ante unha nutrida representación da sociedade galega como a ferramenta óptima, única en España, para a canalización de investimentos e a articulación de proxectos estratéxicos merecedores de fondos europeos. Nunha xornada divulgativa organizada en Santiago de Compostela, contou coa participación de representantes do seu accionariado, tanto público como privado, e dos promotores dos principais proxectos en marcha: o de xestión sostible dos bosques galegos e o de economía circular.

Creada en abril de 2021 pola Xunta de Galicia (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %), Impulsa Galicia ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital. Naceu co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da comunidade autónoma a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.

Así o recolleu Francisco Conde, presidente de Impulsa Galicia, na súa intervención de benvida. Destacou que esta sociedade se creou co fin de contribuir á transformación verde e dixital do tecido empresarial galego. “É unha oportunidade para transformar o tecido industrial desde a innovación e a sostenibilidade creando emprego de calidad”, afirmou o vicepresidente primeiro do Goberno de Galicia.

Pola súa banda, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, na súa intervención en representación do accionariado privado de Impulsa Galicia, reafirmou o compromiso da entidade bancaria por facilitar o acceso aos fondos europeos, atraer novos inversores e amosar que Galicia “é unha terra de oportunidades”.

A xornada tamén contou cunha mesa de diálogo entre dous membros do comité executivo da sociedade, Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa, e Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución Institucional de Abanca, moderados pola directora xeral da sociedade, Enyd López. Nela, Emilio Bruquetas destacou que os proxectos en carteira tiveron a súa orixe no Polo para a Transformación de Galicia xurdido para saír antes e mellor da crise motivada pola pandemia. Alí identificáronse unha serie de proxectos tractores estratéxicos para a economía galega e interconectados entre si. “Son proxectos que aproveitan as ventaxas competitivas que ten Galicia, que xeran inputs e outputs entre todos eles, e estamos seguros que hai moitos máis que poden formar parte deste ecosistema”, declarou Bruquetas.

Nesa liña insistiu Vargas-Zúñiga: “Houbo unha primeira fase de ideas e agora debemos impulsar outros proxectos donde participen outros empresarios, onde atraiamos a unha poboación cualificada”. Garantiu que teñen a capacidade de facer chegar a financiación ás empresas dun modo “máis rápido e eficiente”. E reivindicou a Impulsa Galicia como facilitadora de que os recursos económicos flúan para proxectos estratéxicos como pode ser a creación dun gran centro de datos con sede en Galicia, “que pode xerar novos postos de traballo e un tecido productivo diferenciador”. “Impulsa é dos galegos e ten as portas abertas para os empresarios, para que unha idea poida vir e a conceptualicemos”, abundou.

Nunha segunda mesa, tamén moderada por la directora xeral da sociedade, detalláronse polo miúdo dous dos grandes proxectos xa coñecidos. Por unha banda, o vicepresidente do comité executivo de Altri, Carlos Van Zeller, empresa impulsora do proxecto de xestión sostible dos bosques galegos consistente na posta en marcha dunha fábrica de fibras textiles sostibles en Palas de Rei, explicou que actualmente atópanse 100 enxeñeiros traballando no deseño do complexo fabril e se están a tramitar tódolos permisos e licencias. “O punto crítico é, sen dúbida, a financiación”, afirmou, “mantivemos ata cinco reunións co Goberno de España e é urxente saber se se destinarán fondos europeos a este proxecto que debería ter un PERTE particular polo volume de investimento preciso”.

Por outra banda, Silvia Sanjoaquín, directora de Novos Negocios de Naturgy, e Natalia Barreiro, directora do complexo industrial de Repsol de A Coruña, afondaron no proxecto de economía circular polo que se aproveitarán os excedentes dos xurros bovinos, porcinos e avícolas para producir biogás e fertilizante. Destacaron a colaboración público-privada como clave para o desenvolvemento deste proxecto que afirmaron “é único en España e Europa” e “xenerador de emprego de calidade no marco da transición enerxética en zonas pouco poboadas”. O biogás producido permitirá “descarbonizar o transporte, os fogares e a industria galega”.

Finalmente, clasurou a xornada o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda quen afirmou que as iniciativas maduradas ao abeiro de Impulsa Galicia suman xuntas “millóns de euros de investimento e a previsión da xeración de milleiros de postos de traballo”. “Son proxectos viables, realistas, e poden ser feliz realidade e fonte de riqueza para toda Galicia”, declarou. Tamén reclamou a implicación do Goberno central, a través dos fondos europeos, para a consecución de financiación destes proxectos. “Desde aquí fixemos exactamente todo o que se nos demandou desde Bruxelas e Madrid”, garantiu.