A infraestrutura ofrece ata 15 MW IT que dotaría á comunidade de soberanía no control dos seus actos

Suporía unha inversión total de 400 millóns de euros e a xeración duns 100 empregos altamente cualificados, entre directos e indirectos

 

1 de marzo de 2023

 

A sociedade público–privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo contribuír á transformación da economía galega, seleccionou a Ingenostrum como socio industrial para comezar a análise da viabilidade dun gran centro de datos. Esta infraestrutura suporía un punto de inflexión na dixitalización do tecido empresarial e institucional da comunidade autónoma.

Así o comunicaron os responsables do proxecto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nunha reunión mantida esta tarde na sede do Goberno galego á que asistiron Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e presidente de Impulsa Galicia; Miguel Corgos, conselleiro de Facenda da Xunta e membro do comité técnico de Impulsa Galicia; Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución Institucional de ABANCA e membro do comité técnico de Impulsa Galicia; Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia; Santiago Rodríguez, conselleiro delegado de Ingenostrum e David Gómez, director xeral adxunto de Ingenostrum.

O obxectivo do proxecto de construción e posta en marcha dun gran centro de datos, en liña co Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é a modernización e dixitalización do tecido empresarial galego. Este proxecto busca pór ao servizo da PEME galega, de grandes empresas e institucións públicas, a capacidade que lles garanta o almacenamento de datos que precisen, a conectividade de alta velocidade, o ancho de banda suficiente e unha baixa latencia (retardos temporais dentro dunha rede) e así facilitar a dixitalización das PEME ofrecendo servizos que non lograrían obter a día de hoxe no mercado, asegurando economías de escala e eficiencias de custos.

Ademais, permitiría o establecemento de sinerxías con proxectos que xa están en marcha en Galicia. Os 15MW IT de capacidade que se proxectan, posibilitarían aloxar os datos das empresas galegas, o que dotaría a Galicia de soberanía sobre o control dos datos da comunidade.

Ao longo deste último ano, Impulsa Galicia levou a cabo a conceptualización, o deseño do proxecto e a busca dun socio investidor e promotor. A empresa española Ingenostrum é a escollida para liderar o proxecto, quen irá da man da enxeñaría Nexitic especializada no deseño deste tipo de infraestruturas.

Estímase un investimento total de 400 millóns de euros, dos que 130 dedicaríanse á construción en si mesma e os 270 restantes, investiríanse nos servidores de tecnoloxía da información (IT).

Xeraríanse cerca de 200 empregos no período de construción, que neste tipo de infraestruturas se acostuma prolongar durante un ano, e posteriormente, crearíanse uns 100 postos de traballo de alta cualificación para o seu mantemento, entre directos e indirectos.

A directora de Impulsa Galicia, Enyd López destacou que “o centro de datos é un dos proxectos incluídos no Polo para a Transformación de Galicia, co que avanzamos na consecución dun modelo económico dixital e sostible. Desenvolvemos unha idea innovadora, a convertemos nun proxecto tractor e atopamos tecnólogo e investidor para que prospere fóra do noso paraugas”. “Estamos moi satisfeitos -engadiu- de atopar un socio sólido e tamén de articular todo o que ven por diante como un proxecto de país, froito da colaboración público-privada e que dará servizo a toda a sociedade galega, converténdonos en punteiros en dixitalización”.

Segundo declarou Santiago Rodríguez, conselleiro delegado de Ingenostrum: “Este é un proxecto moi ilusionante para Ingenostrum porque nos afianza como compañía líder na conceptualización de data centers. Confiamos en que esta iniciativa sexa un impulso para o sector dos data center no noso país e nos axude a posicionarnos como o novo hub tecnolóxico de Europa”.

SOBRE INGENOSTRUM

Ingenostrum é un grupo de enxeñería internacional líder no sector das enerxías renovables que iniciou a súa actividade en 2009 co propósito de contribuír a debuxar un mapa enerxético renovable no noso país e axudar aos seus clientes e colaboradores na súa ruta progresiva cara á descarbonización. A ampla experiencia internacional no sector, con proxectos desenvolvidos en 14 países en máis de 20 anos, do seu fundador, Santiago Rodríguez Andrés Fernández, e a súa firme convicción da necesidade dun modelo enerxético sostible, guiou á compañía desde as súas orixes. Ingenostrum está formado por un equipo multidisciplinar de profesionais altamente capacitados, e as súas áreas de traballo son asesoría e desenvolvemento de enxeñaría técnica, enerxías verdes, novas tecnoloxías, management de obra, desenvolvemento e promoción de data centers sostibles e neutros en carbono.