Dentro da rolda de consultas iniciada a finais de marzo pola Xunta de Galicia para coñecer a opinión dos distintos sectores profesionais e axentes sobre a futura Lei de Recursos Naturais, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado dos conselleiros de Facenda e Administracións Públicas, Miguel Corgos, e de Medio Rural, José González, reuniuse co comité técnico e a dirección xeral de Impulsa Galicia.

Na devandita reunión de traballo, trataron como a futura normativa establecerá que as declaracións de impacto ambiental avalían os efectos sociais e económicos dos proxectos, entre eles aspectos como a participación de investidores locais, a creación de emprego na zona, a redución de custos enerxéticos e a preservación dos bens culturais e naturais. Tamén se falou en que proxectos poderá participar a futura utility, unha empresa público-privada que se creará para que parte dos beneficios que aproveitan os recursos naturais repercutan de xeito directo positivo en toda Galicia.