O conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado, incorporouse hoxe ao consello de administración da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia (Impulsa Galicia). En representación da Administración autonómica, Corgos (A Coruña, 1971) substitúe no consello ao seu predecesor en Facenda, Valeriano Martínez García.
O consello de administración de Impulsa presídeo Francisco Conde, vicepresidente económico da Xunta. Ten o seu número dous no conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Tamén forman parte del, amais de Corgos, o conselleiro do Medio Rural, José González; o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o director xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais de Abanca, José Eduardo Álvarez-Naveiro, e o responsable de Asesoría Xurídica da mesma entidade financeira, Eduardo Cortizo. Como independentes, fan o propio Fernando González-Laxe, expresidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña; o tamén catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago Penas; a presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso Betanzos, e Rosa María Sánchez-Yebra, vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa.
Reunido en Santiago, o consello de administración de Impulsa coñeceu este mediodía o grao de desenvolvemento dos proxectos que a sociedade está a madurar e analizou novas liñas de posibles oportunidades.
A sociedade
Cun capital fundacional de cinco millóns de euros, Impulsa foi creada en abril de 2021 pola Xunta de Galicia (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %). A entidade ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital. Naceu co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da comunidade a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.
Impulsa pretende dinamizar e ampliar o Polo para a Transformación de Galicia, unha iniciativa que, promovida pola Xunta de Galicia no marco da candidatura aos fondos Next Generation, pretende ser circular, sostible, verde, dixital, viva, inclusiva, xeradora de riqueza na súa contorna e aglutinadora dos intereses de pequenas e medianas empresas, así como de grandes compañías.