Nunha fase inicial, unha vez obtidas as preceptivas autorizacións administrativas, as tres enerxéticas investirán 146 millóns de euros para xerar anualmente 300 GWh de enerxía renovable con 1,2 millóns de toneladas de dexeccións gandeiras
A primeira planta de produción deste programa prevese en Meirama, con cinco centros de pretratamento asociados
A iniciativa permitiría reducir a dependencia enerxética do exterior e desenvolver a economía circular na comunidade autónoma. Na súa completa despregadura, evitaría a emisión de 500.000 toneladas anuais de CO2 equivalentes e crearíanse ata 600 postos de traballo directos e 1.900 indirectos
As compañías contribúen así a descarbonizar o transporte, a industria e a actividade agroalimentaria galega
O proxecto foi presentado a catro ministerios do Goberno central co obxectivo de encaixalo nos fondos Next Generation
28 de setembro de 2022
Reganosa, Repsol e Naturgy colaboran con Impulsa Galicia para desenvolver a economía circular cun proxecto que transformaría a grande escala excedentes de dexeccións gandeiras e outros residuos en biometano, fertilizantes orgánicos e CO2 neutro de orixe biolóxica. Esta iniciativa foi concibida para optimizar a xestión de xurros na comunidade autónoma, reducir a dependencia enerxética do exterior, facilitar o cumprimento das novas normas europeas e axudar a descarbonizar a industria, os fogares e a mobilidade. Os promotores están levando a cabo actualmente labores de campo e ensaios que dan continuidade a meses de estudos e investigacións previas.
O proxecto consiste en despregar progresivamente polo territorio unha rede de plantas que valoricen os excedentes de xurros bovinos, porcinos e avícolas mesturados cunha cantidade menor de FORS (fracción orgánica de recollida separada) e RIO (residuos industriais orgánicos) do sector agroalimentario para a produción de enerxía renovable. Así queda recollido no memorando de entendemento que recentemente subscribiron Reganosa, Repsol e Naturgy con Impulsa, a sociedade mixta promovida pola Xunta de Galicia co obxectivo de acompañar iniciativas empresariais que incidan na dinamización, o progreso e a transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital.
Nunha fase inicial, as tres enerxéticas planean construír unha primeira planta de dixestión anaerobia que produza gas renovable e cinco plantas de pretratamento asociadas a esta para deshidratar o excedente de xurro bovino. A planta de xeración de gas renovable emprazaríase en Meirama (Cerceda), zona de transición xusta, mentres que as cinco plantas de pretratamento se repartirían, nunha primeira fase, por concellos da mesma provincia coruñesa e de Lugo, de acordo coa distribución fundamentada no mapa galego de explotacións gandeiras, optimizando así a loxística entre ambos tipos de instalacións.
Cun investimento aproximado de 146 millóns de euros, nesta primeira fase trataríanse anualmente 1.240.000 toneladas de xurros excedentes e produciríanse, amais de fertilizantes orgánicos e CO2 neutro, uns 300 xigawatts hora (GWh) de biometano que se inxectarían á rede de gas natural. Este gas renovable utilizaríase para descarbonizar distintos sectores, como o do transporte, o residencial e o industrial, podéndose empregar nos procesos da refinería de Repsol na Coruña.
Ampliación a toda Galicia
Completada esta fase inicial, a intención dos promotores é ampliar o proxecto de economía circular no futuro a toda Galicia, implantando unha rede centralizada de tratamento dos excedentes de dexeccións gandeiras. Neste sistema garantirase a dispoñibilidade para os gandeiros do xurro necesario para abonar as súas terras de xeito sostible, así como a viabilidade económica das súas explotacións. Os cálculos dos promotores determinan que se poderían valorizar arredor de 6 millóns de toneladas de residuos cada ano. Redondeando, o biometano producido (1 TWh anual) equivalería a un 7 % do gas natural de importación que agora se demanda en Galicia, co que a comunidade avanzaría substancialmente na súa autonomía enerxética e no consumo de renovables. O proxecto foi presentado a catro ministerios do Goberno central (Economía, Transición Ecolóxica, Agricultura e Industria) co obxectivo de encaixalo nos fondos Next Generation, tanto pola súa compoñente de circularidade como polo feito de que proporciona unha fonte de enerxía verde e autóctona a partir dos excedentes das dexeccións gandeiras.
Deste xeito, no proxecto global evitaríase tamén a emisión á atmosfera dunhas 500.000 toneladas anuais de CO2 e crearíase emprego de calidade no marco da transición ecolóxica e nos lugares pouco poboados. En suma, algo máis de 600 postos de traballo directos e 1.900 indirectos, considerando tanto a explotación das plantas como a loxística de transporte.
A execución desta iniciativa contribuiría ao cumprimento da nova lexislación medioambiental europea sobre protección do solo agrícola e control de efluentes, así como de nutrición sostible de solo agrario, e daría solución a cuestións recorrentes na xestión e almacenamento de xurros.
Innovador polo seu concepto de integración global fronte á dispersión, este proxecto exemplifica ao mesmo tempo o novo modelo de cooperación público-privada e entre compañías do mesmo sector, estando aberto á participación doutras empresas.
“As partes implicadas neste proxecto traballamos dunha maneira moi intensa para achegar unha solución técnica solvente; agora precisamos que se cree o marco regulamentario que permita desenvolver e implementar os avances”, valorou o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, quen reclama políticas que incentiven “dun xeito claro” a produción de biogás en España.
A directora de Combustibles Renovables de Repsol, Berta Cabello, pola súa banda, indicou que “con este proxecto, estratéxico para Repsol, impulsamos a redución de emisións de efecto invernadoiro do transporte e a industria, incrementamos a autonomía enerxética empregando gases renovables obtidos con recursos locais e fomentamos ao mesmo tempo a economía circular e a sustentabilidade dun sector tan importante no noso país como é o gandeiro”.
O director xeral de Renovables, Novos Negocios e Innovación de Naturgy, Jorge Barredo, destacou que “este proxecto de produción de biometano permitirá impulsar a transición enerxética en Galicia e potenciar unha xestión sostible dos residuos, dando un paso adiante cara a economía circular e o desenvolvemento socioeconómico local, ademais de contribuír a reducir a dependencia enerxética do exterior”.
“Este – afirmou a directora xeral de Impulsa, Enyd López- é un proxecto moi relevante para Galicia. Na súa ideación e apoio, a Xunta adiantouse por partida dobre: por unha banda, favorecendo unha áxil descarbonizacion da economía e, pola outra, facilitando aos gandeiros o cumprimento da normativa que vai vir marcada por Europa”. E engadiu: “Ademais de fomentar a economía circular illadamente, esta iniciativa contribuirá a xerar un ecosistema de proxectos sólidos dentro do Polo para a Transformación de Galicia”.