Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente da sociedade, participou na primeira das xornadas, centrada no ámbito enerxético

 

8 de febreiro de 2023

 

A sociedade público–privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo a axilización de proxectos estratéxicos que contribúan á transformación da economía galega mediante un modelo verde e dixital, reuniuse coas principais empresas enerxéticas que operan en Galicia. O motivo do encontro foi dar a coñecer o funcionamento da sociedade, así como poñerse á súa disposición para o desenvolvemento de novos proxectos tractores. Na reunión participaron Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e presidente de Impulsa Galicia, Enyd López, directora xeral da sociedade, e Paula Uría, secretaria xeral de Industria do Goberno galego.

Con esta xornada, Impulsa Galicia arrinca así unha ronda de encontros sectoriais co tecido empresarial galego. Neste primeiro, centrado no ámbito enerxético, Francisco Conde resaltou que Impulsa Galicia é unha ferramenta creada por instancias da Xunta para desenvolver aqueles proxectos enmarcados no Polo para a Transformación de Galicia, pero que ten vocación de futuro e que está ao servizo de todasas empresas galegas:  “Máis alá dos proxectos que estades levando a cabo en Galicia como promotores, contade con Impulsa Galicia para aqueles proxectos que non poderíades abordar en solitario; proxectos transformadores desde o punto de vista enerxético e que xeren grande impacto”.

Na súa intervención, a directora da sociedade, Enyd López, explicou como tras encargarse da fase de conceptualización dunha idea e de desenvolver o proxecto de negocio, buscan o socio industrial ou investidor para que estude a súa viabilidade. “Asinamos un memorando de entendemento co socio promotor seleccionado para garantir que o proxecto sexa inclusivo e que o valor se quede en Galicia, ao tempo que xeramos pegada industrial e un efecto tractor sobre toda a cadea de valor, colocando á peme como centro da estratexia. Posteriormente, acompañámolo en todo o proceso de análise de viabilidade económica, técnica e financeira para levar o proxecto ata a decisión final de investimento”, detallou López.

A modo ilustrativo, tanto Francisco Conde como Enyd López, aludiron ao proxecto de xeración de fibras téxtiles sustentables cuxo socio industrial é Alcoa e ao proxecto de xeración de biogás e fertilizantes orgánicos a partir de excedentes de dexeccións gandeiras, no que Impulsa Galicia colabora con Repsol, Reganosa e Naturgy.

Pola súa parte, os representantes das empresas e asociacións asistentes do sector enerxético, agradeceron a convocatoria e o diálogo aberto. Ven útil e necesaria unha ferramenta singular como Impulsa Galicia, onde administración e empresa traballan xuntas e agradeceron o esforzo da Xunta por axilizar a tramitación dos proxectos que industrialicen e dixitalicen Galicia.

Asistiron ao encontro representantes de Endesa, Iberdrola, Windar, EDPR, Repsol, ASIME, Asociación Galega de Hidrógeno, CLUERGAL, Clúster de Biomasa, AGAEN, Adianta e Galenergy.