Impulsa Galicia e Altri presentan en Bruselas o proxecto de fábrica de fibras téxtiles sostibles de Palas de Rei

A empresa público-privada Impulsa Galicia e Altri, socio industrial dun dos seus proxectos en carteira, presentaron á Comisión Europea os detalles do proxecto da fábrica de fibras téxtiles sostibles de Palas de Rei.

No encontro participaron Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia; por parte de Altri, José Pina, conselleiro delegado, e Carlos Van Zeller, vicepresidente do Comité Executivo; e en representación da Comisión Europea, Emmanuelle Maire, xefa da unidade de Economía Circular, Produción e Consumo Sostible da Consellería de Medio Ambiente, e José María Ramos Florido, da Dirección Xeral de Medio Ambiente.

Os responsables do proxecto que permitirá a produción de fibras téxtiles sostibles a partir de madeira certificada e residuos téxtiles galegos explicaron as dimensións e o carácter pioneiro dunha iniciativa que converterá a Europa nun referente da economía circular no sector téxtil.

Sobre o proxecto de xestión sostible dos bosques

Proxecto tractor baseado na transformación da madeira en fibra téxtil baixo os principios de sustentabilidade e circularidade. Pecharase o círculo vital da madeira en Galicia e fabricaranse na comunidade autónoma unhas 200.000 toneladas anuais de fibra téxtil sostible, utilizando como materia prima madeira certificada dos nosos montes, así como residuos téxtiles. Trátase dunha iniciativa pioneira a nivel europeo xa que integrará a produción de pasta e fibra nun único proceso, así como o aproveitamento de residuos téxtiles.

Cun investimento de máis de 800 millóns de euros, estímase que o centro xerará 2.500 postos de traballo directos e indirectos e impulsará sinerxias con outros sectores fundamentais da economía galega, coma o forestal e o téxtil. É a única destas características que se proxecta actualmente en Europa.

A papeleira portuguesa Altri é a líder do sector elixida que sufragará o deseño e desenvolvemento da iniciativa ata levala ao momento do investimento. A medida que o proxecto avance, explorará alianzas con toda a cadea de valor do sector forestal galego.

Tras anunciar Palas de Rei como lugar escollido para implantar o complexo fabril, Altri avanza no estudo de impacto ambiental, no proxecto de enxeñería, na viabilidade económica, no financiamento e acceso a fondos comunitarios. Actualmente traballan no proxecto máis dun centenar de enxeñeiros de diversas partes do mundo e a empresa ten unha sede permanente na cidade da Coruña, onde hai unha ducia de empregados.

O 29 de decembro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a declaración do proxecto como proxecto industrial estratéxico para Galicia, unha consideración destinada a facilitar a súa tramitación administriva.