Unha experta en economía circular dirixirá a sociedade público-privada creada para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia
Ademais de Enyd López, entran outras dúas persoas no consello de administración: Amparo Alonso, unha especialista en intelixencia artificial, e Rosa María Sánchez-Yebra, vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021
Enyd López Fernández, enxeñeira química e licenciada en Químicas pola Universidade de Santiago, e experta en economía circular, dirixirá a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, creada en abril pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama para modernizar a economía da Comunidade autónoma estendendo o modelo de transición verde, xusta e dixital. De feito, o seu principal obxectivo é contribuír á maduración das iniciativas estratéxicas para Galicia. Ao consello de administración, ademais, incorpóranse dous perfís que atesouran recoñecidos coñecementos en materia de intelixencia artificial e economía e política financeira: Amparo Alonso Betanzos e Rosa María Sánchez-Yebra, respectivamente.
O consello de administración designou directora xeral da sociedade a Enyd López (Santiago, 1980), quen ata o de agora comandaba en Galicia Saica Natur, unha área de negocio pertencente ao Grupo Saica que opera no ámbito da economía circular e a xestión de residuos. Anteriormente, dentro do mesmo grupo, dirixira en varios puntos de España outros equipos, divisións e delegacións.
Tamén se formalizaron a entrada no consello de administración de dúas mulleres. Amparo Alonso (Vigo, 1961) é catedrática da Universidade da Coruña no departamento de Ciencias da Computación, presidenta da Asociación Española de Intelixencia artificial e membro do Consello Asesor de Intelixencia artificial.
Por outra banda, Rosa María Sánchez-Yebra (Ourense, 1962), vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa, tamén entra no consello desta sociedade público-privada. Ao longo da súa traxectoria foi conselleira do Banco de España, da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), así como secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira do Goberno central.
Impulsa Galicia nace co obxectivo de contribuír á maduración dos proxectos estratéxicos para Galicia
O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e os conselleiros de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, e do Medio Rural, José González, participaron esta mañá na reunión constitutiva
O Consello de Administración -presidido por Francisco Conde e cuxo vicepresidente é o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas- está formado por nove membros
Cun capital social de 5 M€ que achegan a Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama, a Sociedade está aberta á entrada de novos socios
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e os conselleiros de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, e do Medio Rural, José González, participaron esta mañá na reunión constitutiva da Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia. Así, este instrumento contribuirá, por exemplo, á maduración das iniciativas da candidatura galega agrupadas arredor do Polo para a Transformación de Galicia.
Este Polo, co que se prevé mobilizar máis de 3.000 M€ nos tres primeiros anos, conta con oito iniciativas que nos poden permitir empezar a producir hidróxeno verde, dispoñer dunha planta para converter a celulosa en fibras téxtiles, poñer en funcionamento un centro de xeración de biogás a partir do tratamento de residuos, expandir as enerxías renovables e impulsar a dixitalización industrial.
Impulsa Galicia centrarase, polo tanto, naquelas iniciativas con capacidade de transformación sectorial e cun alto impacto sobre a produtividade, o emprego e o territorio e que xerarán un efecto arrastre sobre todo o tecido produtivo co obxectivo de impulsar a transformación dixital e ecolóxica na Comunidade.
Entre as súas prioridades estará incidir na capilaridade e no efecto multiplicador destes fondos promovendo que as pemes estean no centro da estratexia. Axudará na busca de futuros investidores que contribúan ao desenvolvemento de proxectos e prestará servizos de asesoramento para garantir a presentación e consolidación de novas iniciativas empresariais, como apoio xurídico, económico, administrativo, comercial, industrial e de xestión e dirección. A sociedade, de carácter impulsor, avaliará os proxectos de acordo co seu impacto nas cadeas de valor dos sectores produtivos.
Trátase, pois, dun novo actor que contribuirá a dar impulso á candidatura galega aos fondos Next Generation que, neste momento, abrangue un total de 354 iniciativas que poderían chegar a mobilizar un investimento de 20.000 M€ e que se apoia en tres principios rectores; involucrar as pemes, facer da I+D+i un elemento transversal e fomentar a colaboración público-privada.
Cun capital inicial de 5 M€, dos que a Xunta achega un 40 %, Abanca un 38 %, Reganosa un 12 % e Sogama un 10 %, está aberta á entrada de novos socios. O Consello de Administración está formado por nove membros. A presidencia corre a cargo de Francisco Conde; o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, será o vicepresidente; como conselleiros da sociedade figuran os conselleiros do Goberno galego Valeriano Martínez e José González; o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o secretario do Consello de Administración e director xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais de Abanca, José Eduardo Álvarez-Naveiro; o ex-presidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González-Laxe; e o tamén catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, Santiago Lago Peñas. O secretario será o responsable de Asesoría Xurídica de Abanca, Eduardo Cortizo.
A Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama constitúen a nova sociedade público-privada que se encargará de impulsar os proxectos tractores en Galicia
A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia nace para madurar iniciativas empresariais con relevante efecto dinamizador na economía galega
Favorecerá a transformación da economía implantando un modelo verde e dixital
Promoverá a captación de fondos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións, ao tempo que fomentará especialmente a participación das pemes
O seu primeiro obxectivo é apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation e axudar despois na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021
A Xunta de Galicia, Abanca, Reganosa e Sogama veñen de constituír a nova sociedade público-privada que se encargará de impulsar iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital.
A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia nace co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da Comunidade a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.
A nova entidade terá entre as súas prioridades fomentar a participación das pemes para que sexan elas as principais beneficiarias dos novos proxectos tractores que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor. Ademais, prestará diferentes servizos de asesoramento para garantir a presentación e o desenvolvemento das novas actividades empresariais, como apoio xurídico, económico, administrativo, comercial e industrial e de xestión e dirección das iniciativas.
De carácter impulsor, e non investidor, e aberta á entrada de novos colaboradores, esta nova sociedade limitada será de maioría privada. De feito, dispón dun capital inicial de 5 millóns de euros, dos que as achegas de Abanca (38%), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %) supoñen o 60 % do total. Pola súa parte, a Xunta de Galicia participa co 40 % restante.
Nesta fase inicial tras a súa constitución, a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia terá sobre a mesa un primeiro obxectivo: contribuír á maduración dos proxectos tractores incluídos na candidatura galega que opte aos fondos europeos Next Generation, axudando posteriormente a buscar investidores para que poidan desenvolverse.
A proposta galega aos fondos europeos recolle ata o momento 354 proxectos –dos que 247 son públicos y 107 privados– que poderían mobilizar un investimento de preto de 20.000 millóns de euros.
A candidatura de Galicia parte do consenso e inclúe iniciativas que pretenden involucrar ás pemes e chegar a toda a cadea de valor industrial. Ademais, apoiase nos sectores estratéxicos galegos para convertelos en motores que arrastren ao resto do tecido produtivo da Comunidade, prestando especial atención ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos.