Impulsa Galicia vén de concluír un proceso de avaliación da idoneidade dos perfís manexados para dirixir Recursos de Galicia, unha sociedade mixta, pioneira en España, recén creada pola Xunta de Galicia e 33 empresas privadas para favorecer a maximización da repercusión no territorio do valor xerado polos recursos naturais da comunidade autónoma, a competitividade dos prezos enerxéticos e a descarbonización da economía. Avalado por unha prestixiosa firma internacional especializada na selección de talentos, o resultado deste proceso é unha proposta para designar a Emilio Bruquetas Serantes conselleiro delegado da nova utility, un nomeamento que deberá acordar e formalizar o consello de administración da citada compañía. Este órgano celebrará a súa primeira reunión proximamente, en todo caso antes do 1 de decembro.
Primeiro como membro do comité de expertos económicos que asesorou á Xunta de Galicia na recuperación pospandémica e logo como conselleiro e directivo de Impulsa Galicia, Bruquetas estivo vinculado ao proxecto de desde o seu xerme, en todos os pasos dados: na concepción, ideación, negociación e materialización.
Tras coñecer o resultado da análise de idoneidade, a presidenta de Impulsa Galicia valorou positivamente o proceso. Tamén conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana argumentou: “Para este posto requeriremos un perfil contrastado, audaz, con capacidade de análise de negocio, e con coñecemento profundo das peculiaridades tanto do territorio como do sector. E necesitaremos tamén a un experto na cooperación entre empresas e na colaboración público-privada. Son condicións todas que Emilio Bruquetas reúne sobradamente”.
Proxección internacional e diversificación de Reganosa
Nacido en Santiago en 1974, Bruquetas é licenciado en Ciencias Empresariais e máster en Administración e Dirección de Empresas. En 2001 incorporouse a Reganosa como xefe de Planificación e Control de Xestión. En marzo de 2012 foi nomeado director xeral da compañía, cargo que desde finais de 2017, ata hai uns días, ocupou tamén na matriz do grupo enerxético: Reganosa Holdco. Participou igualmente nos órganos de administración de Reganosa Servizos, e presidiu tanto Reganosa Malta como Reganosa Ghana, do mesmo xeito que Reganosa Italia e Reganosa Alemaña. Durante a súa etapa á fronte da compañía, esta reforzou a súa orientación ao mercado global, como nos terminais de gas natural licuado (GNL) de Delimara (Malta), Al-Zour (Kuwait), Tema (Ghana), Santa Giusta (Italia) e Brünsbuttel (Alemaña), e diversificou a súa actividade, impulsando proxectos de hidróxeno verde, xeración con renovables, almacenamento enerxético, economía circular, eficiencia e dixitalización.
Así mesmo, foi membro de organizacións enerxéticas nacionais e internacionais; entre elas, a Comisión Permanente do Consello Directivo de Sedigas (Asociación Española do Gas), ENTSOG (European Network of Transmission System Operators for Gas) e GIE (Gas Infrastructure Europe). Ademais, é conselleiro de Impulsa Galicia e asesor industrial do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga).
Na área docente destacan as súas colaboracións coa Universidade da Coruña, onde impartiu clases no Máster de Banca e Finanzas, no MBA e no Máster de Loxística e Transporte, e co Club Español da Enerxía, onde fixo o propio no Máster en Finanzas da Enerxía.