Impulsa Galicia participa en Bruxelas nunha xornada organizada pola Fundación Galicia Europa con motivo da Semana Europea das Rexións
No marco da Semana Europea das Rexións, o maior evento dedicado á política de cohesión da UE, o director xeral de Impulsa Galicia, Julio Pombo, foi convidado pola Fundación Galicia Europa a explicar a achega de Galicia á industria do futuro. Pombo apuntou que o proceso de descarbonización ofrece á Comunidade grandes oportunidades gracias aos seus recursos naturais, e puxo como exemplo a fábrica de produción de fibras sostibles de Altri que “será referente en Europa en circularidade”.
“Impulsa Galicia é o vehículo óptimo para acelerar e facilitar a materialización de proxectos transformadores e estratéxicos en Galicia que xiran ao redor de tres eixes: os recursos naturais, a sustentabilidade e a dixitalización” afirmou o director xeral de Impulsa. Entre eles, destacou o proxecto de xestión sostible dos bosques galegos que posicionará a Galicia como punto clave para abastecer de fibra sostible aos mercados próximos de produción textil como son os países do Sur de Europa, Norte de África e Asia Oriental.
Impulsa identificou a demanda en aumento de lyocell, debido entre outros factores, á crecente conciencia dos consumidores. A fábrica que Altri prevé asentar en Palas de Rei, provincia de Lugo, “permitirá a produción de 200.000 toneladas anuais de fibra textil sostible, usando como materia prima principal madeira certificada dos nosos bosques, así coma residuo textil”, detallou.