Doutor en Economía e extraballador das tres universidades galegas, Julio Pombo Romero toma as rendas da sociedade mixta creada para modernizar a economía da comunidade autónoma a través de grandes proxectos transformadores
Experto en enerxía renovable e en análise económica e financeira, Julio Pombo Romero dirixirá a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, Impulsa Galicia, creada pola Xunta de Galicia, Abanca, Reganosa e Sogama para modernizar a economía da comunidade autónoma a través de grandes proxectos transformadores.
Julio Pombo (Santiago de Compostela, 1978) foi designado director xeral de Impulsa Galicia nun momento crucial para a materialización da carteira de proxectos da compañía. Doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou, ademais de para a Politécnica de Madrid, para as tres universidades galegas: para a de Santiago, de 2009 a 2011; para a da Coruña, de 2015 a 2017; e para a de Vigo, de 2018 a 2023. Tamén atesoura experiencia na esfera privada e desde marzo pasado pertencía, en calidade de asesor económico, ao gabinete técnico do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Ao longo da súa carreira, Pombo especializouse no desenvolvemento de modelos de negocio e instrumentos financeiros para a implementación de proxectos e instalacións de enerxía renovable, así como na análise de políticas enerxéticos e contra o cambio climático. Ademais, é experto en transferencia tecnolóxica, valoración de activos e mercados financeiros.
O novo director xeral de Impulsa Galicia substitúe no cargo a Enyd López, quen emprende novos retos profesionais. A presidenta da sociedade, a tamén conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, agradeceu a López o seu desempeño no posto ao longo dos dous últimos anos.
SOBRE IMPULSA GALICIA
Creada en abril de 2021 pola Xunta (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %), Impulsa Galicia ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital. Naceu co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da comunidade autónoma a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.
Trátase dunha ferramenta única en España, ideada baixo as directrices marcadas por Europa para contribuír á maduración das iniciativas da candidatura galega agrupadas en torno ao Polo para a Transformación de Galicia. Enfócase en materializar unha planta pioneira para producir fibras téxtiles sostibles, unha rede de xeración de biometano a partir de xurros e outros residuos, novas fontes e vectores de enerxía renovable, un macrocentro de datos e unha utility que maximice a repercusión no territorio do valor xerado polos recursos naturais de Galicia, entre outras iniciativas.