Asistiu por primeira vez ao consello de administración da sociedade público-privada, que se reuniu esta mañá en Santiago de Compostela

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, incorporouse hoxe ao consello de administración da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, Impulsa Galicia, en calidade de presidenta da mesma e en substitución do seu antecesor no cargo, Francisco Conde.

A CONSELLEIRA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN, MARÍA JESÚS LORENZANA, ASUME A PRESIDENCIA DE IMPULSA GALICIA
Consello de administración de Impulsa Galicia.

O consello de administración de Impulsa Galicia ten o seu número dous no conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Tamén forman parte del os conselleiros Miguel Corgos e José González, o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o director xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais de Abanca, José Eduardo Álvarez – Naveiro, e o responsable da Asesoría Xurídica da dita entidade financeira, Eduardo Cortizo. Como independentes, fan o propio o ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe; o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago; a presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso, e a vicegobernadora do Banco de Desarrollo do Consello de Europa, Rosa María Sánchez-Yebra.

Na reunión de hoxe, celebrada en Santiago, o consello de administración tratou o grao de desenvolvemento de proxectos xa coñecidos como a fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei; o aproveitamento do xurro para xeración de biogás e fertilizantes liderado por Naturgy, Reganosa e Repsol; a construción da central de hidróxeno en As Pontes por parte de Reganosa e EDP; e a posta en marcha dun gran centro de datos liderado por Ingenostrum con capacidade para almacenar todas as referencias das empresas e administracións galegas. Tamén se analizaron os avances noutros proxectos.