As entidades felicitaron a posta en marcha desta nova infraestrutura aberta a todo o tecido económico galego.

A asociación público-privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo a axilización de proxectos estratéxicos que contribúan á transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital, reuniuse coas principais entidades do sector TIC que operan na comunidade. O motivo da reunión foi presentar polo miúdo o proxecto de construción dun gran centro de datos e dar a coñecer o funcionamento da empresa. No encontro participaron Miguel Corgos , conselleiro de Facenda e Administracións Públicas e director de Impulsa Galicia; Enyd López, directora xeral da empresa; Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución Institucional de Abanca e membro do comité técnico de Impulsa Galicia e David Gómez, director xeral da división Data Center de Ingenostrum, a empresa promotora do centro de datos. Este encontro forma parte dunha serie de reunións sectoriais de Impulsa Galicia co tecido empresarial galego.

No reunión celebrado na Coruña, Miguel Corgos lembrou que Impulsa Galicia é unha ferramenta creada a instancias da Xunta para desenvolver aqueles proxectos enmarcados no Polo para a Transformación de Galicia e que se caracterizan por cumprir dous requisitos básicos: “contribuir á transición enerxética e á dixitalización de Galicia”. Neste contexto, xurdiu a necesidade da construción dun gran centro de datos cunha oferta diferencial á que existe na actualidade en Galicia: “pola capacidade de almacenamento de datos, por iso está concibido para albergar 15 MW IT e pola sustentabilidade, por iso esiximos que sexa positivo en carbono, é dicir, que non só sexa ambientalmente neutro, senón que a calor xerada pola súa actividade poida ser aproveitada por outra industria”, afirmou o Conselleiro.

Pola súa banda, a directora xeral da sociedade, Enyd López, explicou “que en cada proxecto de Impulsa Galicia buscamos crear sinerxías co tecido empresarial local” e insistiu en que o data center é un proxecto aberto a “todas as empresas, entidades e administracións radicadas en Galicia, independentemente do seu tamaño. Traballamos para aumentar a competitividade de todos eles”.

Juan Luis Vargas-Zúñiga, membro do comité técnico da empresa, declarou que Impulsa Galicia deu un primeiro paso coa posta en marcha do proxecto, “agora hai que, entre todos, poder consolidalo” e por iso desafiou aos presentes a explicar o que buscan nunha infraestrutura sen parangón no mercado galego, que lles permitirá deixar de ter que contratar fora servizos de almacenamento de datos.

Deste xeito, unha a unha, tomaron a palabra as entidades TIC presentes. Todos agradeceron a convocatoria e o diálogo aberto e felicitaron a iniciativa de poder contar cun data center ao servizo de todo o tecido empresarial galego e que estea en consonancia coa sustentabilidade cada vez máis demanda polo mercado.

Pola súa banda, David Gómez, de Ingenostrum, aclarou que o proxecto está nunha fase inicial. “Neste momento, estamos a buscar unha localización e estamos considerando chegar a acordos con varios tipos de socios, tanto clientes finais como empresas provedoras de servizos na nube, dixo.

No encontro participaron representantes do Clúster TIC, Altia, R, Plexus, Dinahosting, ITG, NTTDATA España, Gradiant, Feuga, Cidade das TIC, CiQUS, CITIC, CETIM, Galvintec e ITG.

SOBRE O PROXECTO DO CENTRO DE DATOS

O obxectivo do proxecto de construción e posta en marcha dun gran centro de datos, en consonancia co Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é a modernización e dixitalización do tecido empresarial galego. Este proxecto busca poñer ao servizo das pemes, grandes empresas e institucións públicas galegas, a capacidade que lles garanta o almacenamento de datos que precisan, a conectividade de alta velocidade, o ancho de banda suficiente e a baixa latencia (atrasos temporais dentro dunha rede) e facilitar así o dixitalización das pemes ofrecendo servizos que hoxe non poderían obter no mercado, garantindo economías de escala e eficiencia de custos.

A capacidade informática proxectada de 15 MW IT permitiría aloxar os datos das empresas galegas, o que daría a Galicia a soberanía sobre o control dos datos comunitarios.

Ao longo deste último ano, Impulsa Galicia levou a cabo a conceptualización, deseño do proxecto e a busca dun socio investidor e promotor. Para liderar o proxecto doi elixida a empresa española Ingenostrum, quen irá da man da enxeñería Nexitic especializada no deseño deste tipo de infraestruturas.

Estímase un investimento total de 400 millóns de euros, dos cales 130 dedicaríanse á propia construción e os 270 restantes investiríanse en servidores de tecnoloxía da información (IT).

Durante o período de construción xeraríanse preto de 200 postos de traballo, que neste tipo de infraestruturas adoitan durar un ano e posteriormente crearíanse uns 100 postos de traballo altamente cualificados para o seu mantemento, tanto directos como indirectos.