O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá nas Pontes á presentación do proxecto no que Reganosa e EDP Renovables prevén un investimento de 155M€

12 de xullo de 2022

 

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe que o proxecto da planta de hidróxeno das Pontes describe o que para Galicia é unha transición enerxética xusta. “Trátase dun proxecto estratéxico para abordar o proceso de reindustrialización da zona”, asegurou e puxo en valor a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello -coa confianza de que o Goberno tamén se sume- xunto coa colaboración co tecido empresarial.

O vicepresidente primeiro asistiu esta mañá á presentación deste proxecto que promoven Reganosa e EDP Renovables, que prevén un investimento inicial de 130M€ que, sumando as diferentes conexións necesarias podería chegar a 155 millóns de euros e contar coas primeiras fases en operación en 2025.

Conde salientou que a planta de hidróxeno permitirá vincular os desenvolvementos tecnolóxicos cos procesos industriais para xerar un impacto positivo na creación de emprego e oportunidades. Así, avanzou que o socio tecnolóxico do proxecto de Reganosa e EDP Renovables, Siemens Energy, realizará a ensamblaxe dos electrolizadores na fábrica de turbinas de Navantia.

Tal e como subliñou, o proxecto incardínase na Axenda Enerxética de Galicia 2030, no que un dos obxectivos é o desenvolvemento de renovables – Galicia é nestes momentos a segunda comunidade xeradora deste tipo de enerxías- tanto das máis tradicionais como de novas tecnoloxías como poden ser a eólica mariña ou o hidróxeno verde.

Conde explicou que as empresas levan máis de dous anos traballando neste proxecto “maduro e innovador” que se presentou ao Perte de enerxías renovables e que solicitou a súa declaración, pola Administración galega, como proxecto industrial estratéxico, o que permitiría unha maior axilidade ao contar cun só expediente para levar a cabo a tramitación administrativa, as análises sectoriais e mesmo a obtención das licenzas necesarias. Conde destacou que a presenza desta planta vense sumar a outros proxectos industriais da comarca que permitirán a súa reindustrialización.