Impulsa Galicia preséntase ante o tecido investidor e empresarial de Madrid

A Xunta de Galicia, Abanca, Reganosa e os directivos dos promotores dos proxectos tractores en curso, dan as claves de por que a sociedade público-privada é unha ferramenta única en España

A sala principal da Casa de Galicia quedouse pequena para os que desexaron asistir á presentación da sociedade Impulsa Galicia na capital de España. Nela, empresarios e investidores tiveron a oportunidade de coñecer de boca de todas as partes implicadas a valía desta ferramenta de desenvolvemento de proxectos tractores. Interviron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente de Impulsa Galicia, Francisco Conde; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; o director xeral de Reganosa e membro do comité técnico de Impulsa Galicia, Emilio Bruquetas; o director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de Institucional de Abanca e membro do Comité técnico de Impulsa Galicia, Juan Luis Vargas-Zúñiga; o CEO de Altri Group, José Pina; a directora de Novos Negocios de Naturgy, Silvia Sanjoaquín; a directora de Combustibles Renovables de Repsol, Berta Cabello; o CEO de Ingenostrum, Santiago Rodriguez e a directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López.

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, destacou na súa intervención que Impulsa Galicia ten unha característica que a fai excepcional: «aspira a proxectarse no tempo. Foi creada para incidir, baixo criterios de sostenibilidade, no desenvolvemento dunha estrutura económica cada vez máis produtiva, máis competitiva e máis inclusiva».

Pola súa banda o vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente de Impulsa, Francisco Conde, asegurou ante os presentes que en Galicia «hai un profundo interese para captar investimentos cara ao obxectivo que temos desde o punto de vista da política económica que é apostar por unha axenda industrial no horizonte do 2030 (...) En ese contexto se sitúa Impulsa. Pretende ser a plataforma das iniciativas empresariais tractoras nesa axenda industrial».

Emilio Bruquetas e Juan Luis Vargas-Zúñiga, como membros do comité técnico, explicaron brevemente as orixes de Impulsa e a natureza dos proxectos en marcha. Ambos fixeron fincapé na circularidade destes, non por sostibles, senón porque son proxectos que xerarán outros proxectos, expandíndose noutros sectores e que atraerán investimento e talento de fóra.

Investimento como a que está a facer a compañía portuguesa Altri nesta fase inicial da posta en marcha dun complexo industrial pioneiro na produción de fibras textiles a partir de madeira galega certificada. José Pina, CEO de Altri, afirmou que un dos motivos de tomar a decisión de apostar por este proxecto foi o apoio da Administración a través de Impulsa Galicia.

Na mesma liña incidiron, Berta Cabello de Repsol e Silvia Sanjoaquín de Naturgy, empresas promotoras xunto a Reganosa do proxecto de xeración de biogás e fertilizantes a partir de excedentes de dexeccións gandeiras. Nun proxecto «único por dar unha solución para todo o territorio» e no marco da descarbonización, destacaron a grande importancia da colaboración entre a Administración e as empresas.

Taméno confirmou Santiago Rodríguez, CEO de Ingenostrum, a empresa que liderará a construción dun gran centro de datos que facilitará a dixitalización do tecido empresarial e institucional de Galicia e posibilitará que o almacenamento e o procesamento de datos sexa máis barato.

Por último, e para clausurar a xornada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou aos presentes a investir en Galicia e nos seus proxectos tractores, porque os proxectos en curso «chegaron para ser unha realidade e, a pesar de que estamos no principio do camiño, isto vai abrir as portas a moitos outros proxectos que queremos facer en Galicia (...) Emprender en Galicia merece a pena», afirmou.


Impulsa Galicia selecciona a Ingenostrum como socio industrial para a posta en marcha dun gran centro de datos

A infraestrutura ofrece ata 15 MW IT que dotaría á comunidade de soberanía no control dos seus actos

Suporía unha inversión total de 400 millóns de euros e a xeración duns 100 empregos altamente cualificados, entre directos e indirectos

 

1 de marzo de 2023

 

A sociedade público–privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo contribuír á transformación da economía galega, seleccionou a Ingenostrum como socio industrial para comezar a análise da viabilidade dun gran centro de datos. Esta infraestrutura suporía un punto de inflexión na dixitalización do tecido empresarial e institucional da comunidade autónoma. Así o comunicaron os responsables do proxecto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nunha reunión mantida esta tarde na sede do Goberno galego á que asistiron Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e presidente de Impulsa Galicia; Miguel Corgos, conselleiro de Facenda da Xunta e membro do comité técnico de Impulsa Galicia; Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución Institucional de ABANCA e membro do comité técnico de Impulsa Galicia; Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia; Santiago Rodríguez, conselleiro delegado de Ingenostrum e David Gómez, director xeral adxunto de Ingenostrum.

O obxectivo do proxecto de construción e posta en marcha dun gran centro de datos, en liña co Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é a modernización e dixitalización do tecido empresarial galego. Este proxecto busca pór ao servizo da PEME galega, de grandes empresas e institucións públicas, a capacidade que lles garanta o almacenamento de datos que precisen, a conectividade de alta velocidade, o ancho de banda suficiente e unha baixa latencia (retardos temporais dentro dunha rede) e así facilitar a dixitalización das PEME ofrecendo servizos que non lograrían obter a día de hoxe no mercado, asegurando economías de escala e eficiencias de custos.

Ademais, permitiría o establecemento de sinerxías con proxectos que xa están en marcha en Galicia. Os 15MW IT de capacidade que se proxectan, posibilitarían aloxar os datos das empresas galegas, o que dotaría a Galicia de soberanía sobre o control dos datos da comunidade.

Ao longo deste último ano, Impulsa Galicia levou a cabo a conceptualización, o deseño do proxecto e a busca dun socio investidor e promotor. A empresa española Ingenostrum é a escollida para liderar o proxecto, quen irá da man da enxeñaría Nexitic especializada no deseño deste tipo de infraestruturas.

Estímase un investimento total de 400 millóns de euros, dos que 130 dedicaríanse á construción en si mesma e os 270 restantes, investiríanse nos servidores de tecnoloxía da información (IT).

Xeraríanse cerca de 200 empregos no período de construción, que neste tipo de infraestruturas se acostuma prolongar durante un ano, e posteriormente, crearíanse uns 100 postos de traballo de alta cualificación para o seu mantemento, entre directos e indirectos.

A directora de Impulsa Galicia, Enyd López destacou que "o centro de datos é un dos proxectos incluídos no Polo para a Transformación de Galicia, co que avanzamos na consecución dun modelo económico dixital e sostible. Desenvolvemos unha idea innovadora, a convertemos nun proxecto tractor e atopamos tecnólogo e investidor para que prospere fóra do noso paraugas". "Estamos moi satisfeitos -engadiu- de atopar un socio sólido e tamén de articular todo o que ven por diante como un proxecto de país, froito da colaboración público-privada e que dará servizo a toda a sociedade galega, converténdonos en punteiros en dixitalización".

Segundo declarou Santiago Rodríguez, conselleiro delegado de Ingenostrum: "Este é un proxecto moi ilusionante para Ingenostrum porque nos afianza como compañía líder na conceptualización de data centers. Confiamos en que esta iniciativa sexa un impulso para o sector dos data center no noso país e nos axude a posicionarnos como o novo hub tecnolóxico de Europa".

SOBRE INGENOSTRUM

Ingenostrum é un grupo de enxeñería internacional líder no sector das enerxías renovables que iniciou a súa actividade en 2009 co propósito de contribuír a debuxar un mapa enerxético renovable no noso país e axudar aos seus clientes e colaboradores na súa ruta progresiva cara á descarbonización. A ampla experiencia internacional no sector, con proxectos desenvolvidos en 14 países en máis de 20 anos, do seu fundador, Santiago Rodríguez Andrés Fernández, e a súa firme convicción da necesidade dun modelo enerxético sostible, guiou á compañía desde as súas orixes. Ingenostrum está formado por un equipo multidisciplinar de profesionais altamente capacitados, e as súas áreas de traballo son asesoría e desenvolvemento de enxeñaría técnica, enerxías verdes, novas tecnoloxías, management de obra, desenvolvemento e promoción de data centers sostibles e neutros en carbono.

 


Impulsa Galicia inicia unha serie de encontros sectoriais co tecido empresarial galego para avanzar no desenvolvemento de novos proxectos tractores

Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente da sociedade, participou na primeira das xornadas, centrada no ámbito enerxético

 

8 de febreiro de 2023

 

A sociedade público–privada Impulsa Galicia, que ten como principal obxectivo a axilización de proxectos estratéxicos que contribúan á transformación da economía galega mediante un modelo verde e dixital, reuniuse coas principais empresas enerxéticas que operan en Galicia. O motivo do encontro foi dar a coñecer o funcionamento da sociedade, así como poñerse á súa disposición para o desenvolvemento de novos proxectos tractores. Na reunión participaron Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e presidente de Impulsa Galicia, Enyd López, directora xeral da sociedade, e Paula Uría, secretaria xeral de Industria do Goberno galego.

Con esta xornada, Impulsa Galicia arrinca así unha ronda de encontros sectoriais co tecido empresarial galego. Neste primeiro, centrado no ámbito enerxético, Francisco Conde resaltou que Impulsa Galicia é unha ferramenta creada por instancias da Xunta para desenvolver aqueles proxectos enmarcados no Polo para a Transformación de Galicia, pero que ten vocación de futuro e que está ao servizo de todasas empresas galegas:  "Máis alá dos proxectos que estades levando a cabo en Galicia como promotores, contade con Impulsa Galicia para aqueles proxectos que non poderíades abordar en solitario; proxectos transformadores desde o punto de vista enerxético e que xeren grande impacto".

Na súa intervención, a directora da sociedade, Enyd López, explicou como tras encargarse da fase de conceptualización dunha idea e de desenvolver o proxecto de negocio, buscan o socio industrial ou investidor para que estude a súa viabilidade. "Asinamos un memorando de entendemento co socio promotor seleccionado para garantir que o proxecto sexa inclusivo e que o valor se quede en Galicia, ao tempo que xeramos pegada industrial e un efecto tractor sobre toda a cadea de valor, colocando á peme como centro da estratexia. Posteriormente, acompañámolo en todo o proceso de análise de viabilidade económica, técnica e financeira para levar o proxecto ata a decisión final de investimento", detallou López.

A modo ilustrativo, tanto Francisco Conde como Enyd López, aludiron ao proxecto de xeración de fibras téxtiles sustentables cuxo socio industrial é Alcoa e ao proxecto de xeración de biogás e fertilizantes orgánicos a partir de excedentes de dexeccións gandeiras, no que Impulsa Galicia colabora con Repsol, Reganosa e Naturgy.

Pola súa parte, os representantes das empresas e asociacións asistentes do sector enerxético, agradeceron a convocatoria e o diálogo aberto. Ven útil e necesaria unha ferramenta singular como Impulsa Galicia, onde administración e empresa traballan xuntas e agradeceron o esforzo da Xunta por axilizar a tramitación dos proxectos que industrialicen e dixitalicen Galicia.

Asistiron ao encontro representantes de Endesa, Iberdrola, Windar, EDPR, Repsol, ASIME, Asociación Galega de Hidrógeno, CLUERGAL, Clúster de Biomasa, AGAEN, Adianta e Galenergy.